Twitter queda sen servizo durante varias horas por un ataque informático

A popular rede social Twitter foi obxecto na tarde do xoves dun ataque informático que o mantén fóra de servizo dende hai horas e que impediu a millóns de usuarios compartir mensaxes curtas.

"Estamos a defendernos dun ataque de denegación de servizo", asegurou a compañía a través dun dos seus blogues, no que unhas horas antes se limitara a apuntar que o sistema caera. Este ataque impide que os preto de 45 millóns de usuarios desta rede social poidan 'twitear' as súas mensaxes dun máximo de 140 carácteres sobre o que están a facer ou os plans que teñen, algo que se converteu en todo un hábito para miles de persoas que actualizan constantemente as súas 'twits', entre elas varios políticos e famosos.

Aínda que de momento non se coñece con precisión o momento en que o sistema quedou bloqueado, o blogue TechCrunch asegura que foi cara ás seis da mañá de San Francisco (13:00 GMT). Unhas dúas horas despois, a propia compañía actualizaba o seu blogue dicindo que o sistema está protexido, pero que aínda traballaba para defenderse deste ataque de denegación de servizo.

Ataque inesperado
Con este tipo de ataques, os 'hackers' adoitan retardar ou anular o acceso a unha rede coa técnica de sobrecargar o tráfico cara a ela ata saturar o seu ancho de banda.

"Na que doutra forma sería unha feliz mañá de xoves, Twitter é obxecto dun ataque de denegación de servizo", recoñecía tamén o responsable executivo da rede, Biz Stone, noutro blogue da rede. Engadía que "ataques como estes son maliciosos esforzos orquestrados para desarticular e deshabilitar servizos como os da banca online, sistemas de pago con tarxeta e neste caso Twitter. Agora estámonos defendendo deste ataque e iremos actualizando o noso blogue e máis tarde investigaremos".

PCMag.com, entre outros medios de comunicación electrónicos, tamén informou de que cara á mesma hora rexistráronse problemas de acceso a Facebook, ao que a rede social contestou a través dun comunicado que está a investigar o ocorrido.

Comentarios