Unha veciña de Foz personaliza unha mochila para a filla de Pausini

A artista italiana colgou nas redes sociais unha fotografía da pequena co agasallo
Vanesa García, con algunas de sus creaciones
photo_camera Vanesa García, con algunas de sus creaciones

Fai uns dous anos que a focense Vanesa García converteu o seu gusto polo deseño e o bordado en parte da súa profesión para crear todo tipo de artigos artesanais para os bebés: vestiduras para carros e berces, mochilas ou mantas, entre outras, que poden adquirirse na mercería Fibela de Foz. "Empecei facéndoo para as miñas fillas e a xente empezou a pedirmo, así que agora fágoo como parte do meu traballo", explica Vanesa.

Desde as redes sociais, a través da páxina Puntadas de Hada, mostra as súas creacións que na maioría dos casos son feitas por encargo. "Sempre temos cousas na tenda, pero a maioría son artigos personalizados, porque a xente encárgaos ao seu gusto", sinala Vanesa, que engade que cada modelo é único porque os deseña especialmente para cada bebé: "é raro ver dous iguais, a non ser que me pidan expresamente algún deseño que vexan".

A idea de crear unha mochila personalizada para a filla da cantante italiana Laura Pausini foi para dar máis visibilidade ao seu traballo. "Sabía que un focense era fan de Laura e que estaba en contacto con ela e ocorréuseme personalizarlle unha mochila para a súa filla como un xeito de promocionar o meu traballo", asegura Vanesa, que deseñou un modelo en rosa cun peto estampado e co nome da nena -Paola- bordado en verde.

"As mochilas, como a que fixen para Laura Pausini, teñen moita saída, pero agora mesmo tamén estou a traballar moito as vestiduras para os carros", explica Vanesa.


Tanto Vanesa como Juan Ramón Vázquez, o focense que hai anos que segue á cantante e mantén un estreito contacto con ela, sorprendéronse cando a cantante colgou nas súas redes sociais unha foto da nena coa mochila. "Entregueilla o 12 de outubro en Londres e fíxolle moita ilusión, porque todos os agasallos que lle fagan para a nena acólleos con moito agarimo", explicou Juan, que xa lle entregou tamén hai un ano un artigo de cerámica de Otero Regal, "porque antes de ser coñecida estudaba Cerámica".

Comentarios