Uns xaponeses baten unha marca Guinness ao tocar 181 instrumentos á vez

Un grupo de intérpretes da cidade xaponesa de Hikone, no suroeste de Xapón, estableceu unha nova marca Guinness ao tocar 181 instrumentos de forma simultánea nunha mesma peza musical, informou hoxe a axencia local Kyodo. Os participantes do recital, nos que se incluían os membros dunha banda local, lograron bater a marca anterior de 147 instrumentos establecido no Reino Unido.

O grupo executou a súa peza durante uns seis minutos en presenza dos xuíces do Libro Guinness das Marcas, cuxas regras establecen que para bater a marca debe tocarse simultaneamente un instrumento por persoa durante polo menos cinco minutos. A peza musical elixida foi It's a small world (after all), o repetitivo tema que soa na atracción homónima dos parques temáticos Disney.

Kuniko Teramura, de 56 anos, foi quen convocou ao enorme conxunto nun auditorio de Hikone coa idea de bater a marca. "Conseguímolo grazas á participación de todos. Quero dedicar esta actuación a todo o país e compartir os nosos sorrisos, esperanza e enerxía", dixo Teramura á axencia local Kyodo.

Ryosuke Kikui, un oficinista de Hikone de 26 anos, apostou por tocar a vuvuzela, unha especie de corneta surafricana que se popularizou en todo o mundo durante o pasado Mundial de fútbol. "Estou feliz de que nos outorgasen a nova marca. Resultou extremadamente emotivo cando acabou a actuación", dixo Kikui.

Comentarios