Voces engaioladas

De acordo coa Lei Xeral Penitenciaria, "o penado non é un ser eliminado da sociedade, senón unha persoa que continúa formando parte da mesma, incluso como membro activo". Precisamente por iso, para reducir as barreiras entre o 'dentro' e 'fóra' dos muros, ao longo dos anos fóronse consolidando nos cinco centros penitenciarios galegos varios medios de comunicación feitos para e polos reclusos. Neles atopan ao mesmo tempo unha vía de escape ao seu mundo de encerro e un modo de prepararse para o seu regreso ao que lles espera unha vez cumprida a súa condena. 
 
En xeral, as revistas e os blogues son os principais medios de expresión dos presos e están presentes, en maior ou menor medida, en todos os centros penais galegos. No cárcere pontevedrés a revista A voz da Lama leva imprimíndose case unha década, e agora a ONG Agareso proponse "meterlle man para profesionalizala un pouco".

En Bonxe (Lugo) publícanse outras dúas. A máis lonxeva é Acento, unha publicación trimestral que xa se imprimía en 1998 e que consta de 36 páxinas, a máis esperada das cales é A martelada, que pon nota ao funcionamento do centro. Os responsables de supervisar estes medios son educadores e traballadores ocupacionais que coinciden en que funcionan como "calquera publicación de fóra". “Non se pode escribir nada que non se puidese pór nun xornal real: nin insultos, nin descualificacións nin mentiras", explican, antes de apuntar con ironía: "Ben, logo abres calquera xornal 'de verdade' e tamén as hai”.

En Monterroso destaca a revista de carácter sanitario Ave fénix, confeccionada por un grupo de internos e persoal médico do centro e que se envía a todas as penitenciarías e a algunhas institucións no exterior. Con todo, a iniciativa máis aclamada polos internos do centro lucense é O corazón afastado, un blogue parte do proxecto de cooperación internacional Grundtvig, que ao longo de dous anos recolleu os relatos autobiográficos de 17 presos.

Estas entradas, nas que recordaban desde pasaxes da súa infancia ou da súa terra natal ata momentos nos que decidiron delinquir, foron recompiladas en 2009 nun libro que, co mesmo título, publicou o Concello de Monterroso. O coordinador do proxecto, Pedro Cantero, asegura que "con este libro realizamos unha sinxela homenaxe a todos eles, os verdadeiros protagonistas".

Primeiros pasos radiofónicos
A inauguración en febreiro dunha emisora de radio no centro de A Lama (Pontevedra) supuxo a apertura dunha nova vía de comunicación nas penitenciarías galegas, xa que, polo momento, é a única a nivel autonómico. A Radio, como a bautizaron os internos, naceu grazas á colaboración da ONG Agareso, desde onde xa pensan en estender o modelo a outras prisións. "Xa fixemos algúns contactos, pero por agora son máis oficiosos que oficiais”, comenta o presidente, Juan de Sola, quen de momento non promete nada porque “son proxectos que necesitan apoio institucional e tempo para callar”.

Todo empezou en 2008, a partir da proposta da ONG á dirección do centro de organizar faladoiros radiofónicos semanais con algúns dos internos. Estes primeiros pasos emitíronse primeiro en Onda Cero e, cando acabou a tempada, seguiron retransmitíndose a través da páxina web de Agareso.

A propia ONG encargouse, cando empezou a tomar forma a idea de consolidar unha radio dentro do propio recinto, de impartir talleres de formación sobre o xornalismo en xeral e ese medio en concreto, co fin de que os internos interesados contasen coas "nocións básicas para ter un mínimo colchón á hora de porse a traballar", como explica De Sola.

Ileana Gheorge, Paco Merchán, Raúl Seisdedos, Iván Aluja e Toni Dacuña son os cinco internos sobre os que recae o peso de A Radio. Emiten programas de produción propia, centrados en áreas como deportes, informativos, cultura e entretemento, desde as dez da mañá ata as sete da tarde, cunha pausa ao mediodía. Pola noite emítese programación enlatada, principalmente reposicións e música.

“Metémonos moi pouco na programación, porque é moi difícil coñecer como é a vida dentro dun centro penitenciario indo só dúas ou tres horas á semana", comenta De Sola. Considera que a radio é unha opción para que os internos teñan "algo que os identifique", e asegura que A Radio  “non ten nada que envexarlle a outras emisoras, e o seu compoñente social diferénzaa de todas as demais”.

Ao longo deste mes de emisións xa se consolidou un programa estrela: O son do cárcere, emitido cada mañá e caracterizado polo humor, un dos elementos claves da liña editorial, que busca "a tolerancia e a parte positiva das cousas e a vida por encima do negativo", en palabras de Juan de Sola, que se mostra orgulloso de que, dentro dun ambiente marcado polo negativo, a radio sexa "un canto á vida".

10 anos de Chicass10
De todos os medios de comunicación galegos que xurdiron entre reixas, un dos máis coñecidos (e recoñecidos) é o blogue Chicass10 que levan as reclusas do módulo de mulleres de Teixeiro (A Coruña). Aínda que oficialmente o blogue naceu en 2007, o camiño de Chicass10 remóntase a 2001, cando empezou a imprimirse dentro do cárcere a revista homónima que, 6 anos despois, sería substituída debido á falta de orzamento.

A asociación que fixo posible o proxecto durante tantos anos é Nosotras Intramuros, da que forma parte Pilar Mingote, que recoñece que a intención inicial era proporcionar ás presas un traballo co que sacasen algo de diñeiro. Non foi posible porque, como critica Mingote, “non hai ningunha subvención que nos permita dar diñeiro directamente ás presas, sempre queda polo camiño".

Si que puideron cumprir con outros obxectivos: proporcionar a estas mulleres competencias en comunicación, darlles unha formación e facer visible a súa situación, marcada pola "discriminación normalizada que sofren nas prisións", segundo Pilar, que tras tantos anos se sente frustrada polas carencias do sistema penitenciario. “¿Con que criterio moral animas a traballar a mulleres, sabendo que cando saen non teñen un can, que moitas son indixentes?”, protesta.

Móstrase especialmente dura co desinterese institucional, xa que asegura que tras unha década de traballo só empezaron a recoñecelas "cando chegaron nomeamentos a diversos premios e artigos de prensa" e que nin sequera entón as axudaron economicamente. Sinala que "se houbese un proxecto de mulleres na institución, non seriamos necesarias", e fai fincapé en que "a función do asociacionismo non é lavarlle a cara ás institucións".

Está convencida de que a este ritmo “a asociación non vai durar moito máis, poida que só un ano" e acusa ao cárcere de que só se interese por que "paguemos o seguro de vida para asumir a responsabilidade se nos pasa algo dentro”. A pesar de todo, Pilar considera “un milagre" resistir tanto tempo e séntese orgullosa: “Creamos, entre elas e nós, un espazo de cultura e liberdade no cárcere”.

Comentarios