Xabier Fortes: "Nunca rexeitei o corpo a corpo cando é necesario"

Estivo catro meses sen poder visitar Pontevedra e seguindo o día a día da actualidade da pandemia á fronte de Los Desayunos. Xabi Fortes goza estes días dunhas merecidas e desexadas vacacións.
Xabier Fortes, en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Xabier Fortes, en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Xabi Fortes xa está de vacacións en Lapamán despois dun ano intenso de traballo, confinado, e tras despedirse de ‘Los Desayunos’ para volver ao plató de La noche en 24 horas en setembro.

Algún ano desexou máis que chegaran as vacacións? Creo que non. Tanto o ano anterior coma este foron moi intensos, pero este máis por todo o que pasou. Non só polo traballo, senón tamén polo confinamento. Estiven catro meses sen vir a Pontevedra e tiña moitas ganas de desconectar.

Volve en setembro pero non a Los Desayunos. Non, volvo a La noche en 24 horas, que é un formato semellante, o que pasa é que consiste máis en analizar todo o que pasou ao longo do día, pola mañá marcas máis a axenda. Son distintos ritmos. As mañás teñen máis xornalismo, estás contando as cousas mentres pasan, a noite é máis repousada e ten de bo que non tes que madrugar. Iso si, ningún dos dous programas permiten ter moita vida social en Madrid polos horarios.

Gustaríame que seguise unha cabeceira emblemática como Los Desayunos

Vostede manifestou o seu desacordo coa fin de Los Desayunos. Había que mantelos? Unha vez que consolidas unha marca e a convertes nun programa de cabeceira a min gústame mantela. Mesmo a BBC ten o seu Breakfast, un formato semellante ao noso. Pero tamén é certo que hai que deixar á xente nova que vén que poña en práctica as súas ideas sen poñerlles obstáculos. Teñen todo o dereito a facer os cambios que consideren, ao igual que eu podo dicir que me gustaría que seguise unha cabeceira emblemática, con máis de 25 anos, como Los Desayunos, que ademáis influíu en formatos para outras cadeas.

Se algo caracteriza a Xabier Fortes é que non cala, tampouco a nivel interno dentro de TVE no Consello de Informativos. Era cómodo traballar dende esa postura? Iso foi antes, agora xa o deixei. Foi unha época na que nos implicamos e denunciamos a censura e as listas negras, pero agora estou noutra etapa na que iso cambiou a mellor. Seguen cometéndose erros, eu cométoos case todos os días porque cando tomas decisión, equivócaste sempre. Nós daquela denunciamos a intención manipuladora.

O feito de non calar tenlle causado polémicas recorrentes en Twitter. No meu entorno e na miña vida en xeral, non teño ningún problema en denunciar o que me parece que está mal, en certo momento fíxeno tamén na defensa dos medios públicos. Sempre o fixen, dende os 22 anos que empecei a exercer.

Non pensou en darse de baixa de Twitter? A miña muller dimo ás veces. Agora en verán pouco o vexo. Ademais eu xogo moito coa ironía, que é algo que tamén queremos trasladar ao programa. De vez en cando méteste nun xardín, podes contestarlle a algún animal…

Non se pode resistir. Cando son persoas do mundo do xornalismo ou da política con certa proxección eu nunca rexeitei o corpo a corpo se é necesario. E ademáis penso que hai que contestar cando hai ataques contra a túa honestidade que son falsidades. Eu non son da teoría de mellor calar. Se te atacan hai que contestar. Porque quen cala outorga e eu non vou outorgar nada que sexa unha difamación á miña honra.

Tamén pode ser dar cabezazos contra unha parede. Pero hai que contestar, non a todo o mundo, tes que escoller a quen contestas. A un tipo con cen seguidores en Twitter non, pero se é alguén recoñecido claro que hai que contestar, e ademáis venlles ben que o fagas.

Teño boa relación con Espinosa de los Monteros, aínda que ás veces montemos algún balboldo

Tense falado de como tratar nos medios os discursos de extrema dereita, sobre todo a raíz da aparición de Vox. Que se debe facer? Entrevistalos.

Hai profesionais que cuestionaron o protagonismo que se lle deu a este partido nos medios. Vox pódeche gustar ou non, pero é un partido legal, ten 52 deputados. Na televisión pública estamos obrigados por lei a entrevistalos. Pero aínda que non tivera que facelo, falaría con eles igual, ao igual que con Bildu. Que o discurso dunha persoa non che guste, non quere dicir que non o teñas que entrevistar. Eu entrevistaría a Hitler ou Stalin, por exemplo. Pero cando digo entrevistar non digo facer unha masaxe, non nos podemos confundir. A audiencia ten que saber o que pensan. Logo, que decida se está de acordo ou non. Pero entrevistar non é dar un altofalante, é facer preguntas, unhas máis incómodas que outras.

Estas preguntas incómodas ás veces téñeno convertido en noticia. Como se sente un xornalista cando se ve como protagonista dunha información? Non te sentes cómodo. O xornalista non ten que pasar absolutamente desapercibido, pero non é o centro. Eu o que quero é saber o que pensan os convidados de temas de actualidade e moitos son controvertidos. Gustaríame que a noticia fosen as respostas. Iso si, se alguén se mete cos profesionais de TVE vou contestar, ao igual que se se meten cun tertuliano meu. No caso de algún episodio con Vox, eu teño boa relación con Espinosa de los Monteros, aínda que de vez en cando montemos algún balbordo.

Algo seguro na próxima tempada de La Noche en 24 horas é que Pontevedra vai estar presente. Sempre. Luis del Olmo díxome que era coma el, que non houbo un día que non citara Ponferrada nos seus programas, e eu o mesmo con Pontevedra. A miña cidade forma parte do meu selo propio. Tamén meter algunha frase en galego, como no debate electoral. Aquela despedida fora moi comentada, ao igual que aquel «pueden ustedes faltarse al respeto educadamente».

Non se pode entrevistar a Xabi Fortes sen preguntarlle polo Pontevedra. Levou unha alegría coa fichaxe de Charles? Por suposto. Eu creo que hai que agradecerllo a Lupe Murillo, que está poñendo moito empeño persoal en facer un bo equipo. E este ano é moi importante porque coa formación da Segunda División B Pro, o que non pase o corte vaino pasar moi mal e queda sen opcións de entrar no fútbol profesional. O Pontevedra, por tradición, por afección, por campo... Ten que estar en Segunda División. Eu creo que se están facendo as cousas ben e ten que facerse moita xente socia. Se me pides unha mensaxe para os afeccionados é esa: que se fagan socios.

Comentarios