A xornalista Sara Vila recolle o segundo premio Comunicar en Igualdade

A columnista de Diario de Pontevedra alzouse co galardón do primeiro certame convocado pola Secretaría Xeral de Igualdade polo artigo titulado 'O noso toque de queda'
As gañadoras do Premio Comunicar en Igualdade (Sara Vila é a segunda pola esquerda), xunto á secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o xurado. DP
photo_camera As gañadoras do Premio Comunicar en Igualdade (Sara Vila é a segunda pola esquerda), xunto á secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o xurado. DP

A xornalista de Diario de Pontevedra Sara Vila (As Neves, 1989) vén de recoller o segundo premio do certame Comunicar en Igualdade de mans da secretaria de Igualdade, Susana López Abella, polo seu artigo O toque de queda, publicado o 20 de decembro de 2018. O acto tivo lugar este luns na sede da Secretaría en Compostela e reuniu ás gañadoras do certame convocado pola Xunta por primeira vez.

Así, no acto tamén estiveron as representantes do colectivo Xornalistas Galegas, que se fixeron co primeiro premio; a xornalista de Praza Pública Montse Dopico, que acadou o terceiro posto, e tres estudantes que se alzaron co premio na categoría da Universidade.

Na entrega do premio, Susana López Abella destacou a calidade dos traballos gañadores e subliñou o papel dos medios de comunicación na loita contra a violencia de xénero. A secretaria xeral recoñeceu que se "percibe un maior compromiso por parte dos medios de comunicación á hora de tratar temas relacionados coa violencia machista", malia que nalgúns casos, subliñou, "aínda queda moito por mellorar".

Con este certame, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende recoñecer e recompensar os traballos xornalísticos que contribúen á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero. Ademais dos galardóns na categoría para profesionais do xornalismo, a proposta da Xunta inclúe unha categoría dirixida ao alumnado universitario que gañaron Uxía Castro, Lucía Parrilla del Río e Silvia López.

Neste sentido, López Abella destacou a escasa participación da comunidade universitaria e convidou ó alumnado a participar en vindeiras edicións.

As gañadoras recibiron este luns un diploma e un lote de libros. Ademais, o primeiro premio da categoría profesional, que estivo dotado con 6.000 euros, foi para o texto As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións, de Xornalistas Galegas.

O noso toque de queda, de Sara Vila, recibiu 3.000 euros e Montse Dopico, 2.000, pola peza Sesé Mateo: a palabra que resiste á morte.

A dotación económica do certame realízase con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O xurado seleccionou os mellores traballos segundo criterios de calidade, esforzo investigador e de sensibilización e axeitado tratamento dende a perspectiva de xénero.

Comentarios