Aprobada a bancarrota de Weinstein e unha compensación de 14 millóns de euros ás vítimas

Destinaranse outros 14 millóns á creación dun "fondo para denuncias de conduta sexual inapropiada"
Harvey Weinstein. JUSTIN LANE (EFE)
photo_camera Harvey Weinstein. JUSTIN LANE (EFE)

Unha xuíza estadounidense aprobou a bancarrota de The Weinstein Co., a empresa do produtor de cine Harvey Weinstein, condenado por abusos sexuais, baixo un plan financeiro que compensará cuns 17 millóns de dólares (uns 14 millóns de euros) a mulleres que o acusaron de condutas sexuais inapropiadas.

A resolución produciuse este luns nun tribunal do estado Delaware, despois de que un xuíz federal de Nova York rexeitase en xullo do ano pasado un acordo presentado pola Fiscalía, que incluía unha compensación de 19 millóns de dólares (15,5 millóns de euros) para as vítimas do que unha vez foi o produtor máis poderoso de Hollywood.

O plan aprobado pola xuíza Mary Walrath proverá uns 35 millóns de dólares aos acredores (case 29 millóns de euros), dos cales 17 (14 millóns de euros) irán destinados a crear un "fondo para denuncias de conduta sexual inapropiada"; 8,4 millóns (uns 7 millóns de euros) para denuncias de carácter non sexual e 9,7 millóns (uns 8 millóns de euros) para reembolsar custos legais de empregados, entre os que está vetado Weinstein.

"O 83 % das vítimas expresou moi alto que quere pechar o asunto aceptando este plan", dixo a xuíza en declaracións recollidas polo medio The Hollywood Reporter, en referencia a unha votación realizada por case medio centenar de mulleres denunciantes a principios deste mes sobre as condicións do plan de bancarrota.

As denunciantes recibirán o 100 % do valor estipulado da súa compensación, que se calculará atribuíndo puntos segundo o tipo de acto cometido e outros factores, se acordan resolver o seu litixio con Weinstein, mentres que se non queren liberalo de accións legais recibirán o 25 %, algo co que algunhas vítimas non se mostraron conformes.

The Weinstein Co., radicada en Nova York, acolleuse a un proceso de bancarrota en marzo de 2018 e vendeu despois a maior parte dos seus activos á firma de capital privado Lantern Capital Partners por case 300 millóns de dólares (máis de 245 millóns de euros).

O produtor foi condenado a 23 anos de prisión en marzo do ano pasado en Nova York por violación e agresión sexual a dúas mulleres.

En Los Ángeles foi acusado de varios delitos sexuais a cinco mulleres, polos que podería ser condenado a outros 140 anos se é considerado culpable. 

Comentarios