Accidentado comezo de fin de semana nas estradas da comunidade galega

Diversos sucesos relacionados co tráfico en Boborás, Carballeda de Valdeorras e Narón sáldanse con seis feridos

A fin de semana iniciouse en Galicia con diversos accidentes de tráfico de diversa gravidade que se saldaron con media ducia de feridos.

BOBORÁS. Unha colisión entre tres vehículos deixa dúas persoas feridas no municipio ourensán. O accidente produciuse na estrada que une Ourense con Celanova, nas proximidades do enlace da autovía A-52. 

Unha persoa particular informaba os feitos ao 112 Galicia ás 7:45 horas deste sábado. 

O persoal do 112 Galicia informou a Urxencia Médicas, aos Bombeiros de Ourense, ao GES do Pereiro de Aguiar, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico. Os membros do GES desprazáronse ao momento cun equipo de excarceración, aínda que finalmente non foi necesario. 

Todos os ocupantes dos vehículos conseguiron saír polo seu propio pé ou axudados polos efectivos presentes. As dúas persoas feridas recibiron asistencia sanitaria nunha ambulancia mobilizada ata o lugar do accidente. Foron trasladadas a un hospital.

CARBALLEDA DE VALDEORRAS. Unha persoa resultou ferida na mañá deste sábado ao sufrir unha saída de vía en Carballeda de Valdeorras. O seu vehículo precipitouse por un desnivel de polo menos 50 metros, segundo indicou a persoa que deu a voz de alarma ao 112 Galicia. 

O accidente produciuse sobre as 8:00 horas de en a estrada que une Casaio con Río Dolas. 

O persoal do CAE 112 Galicia informou da situación aos Bombeiros e ao GES de Valdeorras, que se desprazaron ata o punto. Tamén se alertou á Garda Civil de Tráfico. 

As tarefas para auxiliar ao condutor resultaron moi laboriosas, xa que o vehículo acabou nunha zona de moi difícil acceso logo de caer polo barranco. Aínda así, os efectivos mobilizados non tiveron que excarcerar do interior do vehículo ao seu único ocupante, como nun primeiro momento pensábase. 

Os efectivos sanitarios trasladaron en ambulancia á persoa ferida ata un centro sanitario.

DOBRE SUCESO EN NARÓN. Dúas persoas resultaron feridas en Narón ao sufrir unha caída da moto na que circulaban. Ocorreu na rúa Gonzalo Navarro, no polígono industrial do Río do Pozo. 

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 00:00 horas deste sábado. O persoal do CAE 112 Galicia informou ao Servizo de Emerxencias de Narón e a Protección Civil. Os efectivos sanitarios, pola súa banda, desprazáronse ao momento con dúas ambulancias. 

As dúas persoas feridas foron trasladadas a un hospital.

Tamén no municipio coruñés produciuse unha colisión entre unha autocarvana e un tráiler que se saldou cunha muller ferida. En concreto, o accidente produciuse nunha rotonda do polígono industrial do Río do Pozo. 

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia minutos antes das 18:30 horas do venres para alertar do ocorrido. Ata o lugar desprazáronse varios efectivos do Servizo de Emerxencias de Narón. Urxencias Médicas, a través do aviso do 112 Galicia, mobilizou ata o punto unha ambulancia. Os feitos tamén foron postos en coñecemento da Policía Local. 

A muller ferida foi trasladada a un centro sanitario. O seu estado non reviste gravidade.

Comentarios