Buscan a un pescador caído no mar en Ribeira

O home realizaba pesca de cana nunhas rocas de Couso cando se precipitou á auga durante a tarde deste domingo

Un pescador de cana que se atopaba nunhas rocas no lugar de Couso, unha zona próxima ás cetarias –no concello coruñés de Ribeira–, caeu ao mar mentres realizaba a actividade de pesca.

Tras recibir a alerta dun particular pasados uns minutos das 17.00 horas da tarde do domingo, o CAE 112 Galicia informou a Salvamento  Marítimo, que puxo en marcha un operativo de rescate no que mobilizou ao helicóptero Pesca I e a unha embarcación.

Ademais, o 112 deu tamén o aviso aos efectivos de Protección Civil de Ribeira, ao grupo local de urxencias, ao Servizo Gardacostas de Galicia e á Policía Local. Os operativos manteñen a procura do home na costa de Ribeira.

Comentarios