Segue a procura do home de 89 anos desaparecido o mércores en Curtis

Ramón Barral Vázquez, de 89 anos, padece alzheimer e necesita medicación

Efectivos do GES e da Garda Civil, así como veciños da localidade, continúan na mañá deste venres a procura dun home de 89 anos, que padece alzheimer e necesita medicación, desaparecido desde a tarde do mércores no concello coruñés de Curtis. Segundo concretaron fontes de Emerxencias, non está previsto polo momento que esta xornada se activen os drones da Unidade Operativa de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), que durante o xoves intentaron sen éxito localizar algún rastro do ancián.

No entanto, si sairán na súa procura membros do GES de Curtis, da Garda Civil e numerosos veciños, que durante as pasadas xornadas tamén colaboraron coa familia do desaparecido para a súa localización. O home, Ramón Barral Vázquez, de 89 anos, veciño da parroquia de Fisteus, leva desaparecido desde a tarde do mércores. Minutos antes das 17.00 horas, o seu fillo contactou co 112 Galicia para dar a voz de alarma.

De feito, fontes do operativo concretaron que o octoxenario reside na Coruña e acudira a Curtis a pasar uns días coa súa familia. A última vez que se lle viu foi a uns 100 metros da súa casa, sobre as 16.20 horas do mércores.  

Comentarios