Un home acusado de agresións sexuais a unha menor, á que supostamente ameazou cunha arma branca e chegoulle a propinar golpes, foi enviado a prisión tras pasar a disposición xudicial no Porriño, informou este xoves a Garda Civil.
Segundo a investigación, o detido aproveitou a relación da menor con outra nena da súa familia para achegarse a ela e gañarse a súa confianza. Para iso acompañou varias veces ás menores ata os seus respectivos domicilios á saída do colexio.
Durante as tres semanas nas que estableceu relación coa menor forzouna a manter relacións, ameazándoa cunha arma branca e con facerlle dano á súa familia se non se dobregaba aos seus desexos, detallan as fontes.
Ademais de posibles danos e secuelas emocionais, súmanse as físicas, xa que a vítima sufriu varios golpes nun brazo e na cara.
Alertada por algúns veciños, a nai da moza tivo coñecemento da súa relación co detido, quen o negou todo e asegurou que só había amizade entre ambos. A nai, tras denunciar a agresión á Garda Civil, bloqueou o móbil da menor e cambiou de domicilio durante uns días para preservar a súa seguridade.
O detido ameazou entón cunha arma branca a unha amiga da moza para que lle dixese como localizala.
A denuncia da nai da menor e a colaboración dos amigos e persoas da súa contorna posibilitaron a investigación, que culminou co arresto do home, con antecedentes por outras causas.