Detido en Vigo tras agredir á súa parella, á que non deixaba saír de casa

A muller asomouse á fiestra a pedir auxilio

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a J.M.G.F., home de 38 anos de idade, por presuntamente agredir á súa parella, quen se asomou á fiestra para pedir auxilio, informaron fontes policiais.

Á primeira hora do domingo, a muller asomouse á fiestra do seu domicilio na zona do Calvario e pediu que avisasen á Policía, aínda que logo, cando os axentes acudiron, retractouse e díxolles que estaba soa e que alí non pasara nada, á vez que negou que fose ela quen solicitara auxilio.

En vista do estado de nerviosismo que presentaba e tras escoitar un ruído no interior da vivenda, a muller foi invitada polos axentes a saír ata o portal do edificio para continuar a conversación. 

Paralelamente, o outro morador, que resultou ser J.M.G.F., foi invitado a que saíse ao exterior, o que fixo finalmente. Éste manifestou aos policías que tivera unha discusión coa súa parella, algo que vén producindo con frecuencia, segundo indicou pola súa banda a muller, quen engadiu que era a primeira vez que a agredía.

Segundo os testemuños solicitados, durante a discusión a vítima intentou abandonar a vivenda e o suposto agresor impediullo e ao pechar a porta causoulle lesións nunha perna.

Comentarios