Deteñen en Valencia a un dos autores do roubo de diamantes de Amsterdam

O valor das xoias roubadas no ano 2005 estimouse nuns 67 millóns de euros, sendo este atraco un dos máis importantes da historia de Holanda

A Policía Nacional detivo en Valencia  a un dos supostos autores do roubo de diamantes valorado en 72 millóns de dólares cometido no aeroporto Schiphol de Amsterdam en 2005.

Así o confirmaron fontes policiais, que explicaron que a detención se produciu o venres pola mañá nesta cidade. Trátase dun holandés de 55 anos que, ao parecer, podería ser o autor intelectual do roubo e este sábado pasou a disposición xudicial.


En total, foron detidas sete persoas (cinco homes e dúas mulleres) entre Amsterdam e Valencia, todas elas holandesas, segundo informou a televisión pública holandesa NOS, que cita a fontes policiais.

O roubo tivo lugar o 25 de febreiro de 2005 durante o asalto por parte dun grupo de persoas armadas a un vehículo blindado da aerolínea KLM, nunha pista de máxima seguridade do aeroporto de Schiphol.

A carga de diamantes, cuxo valor se calculou nuns 72 millóns de dólares (67 millóns de euros), tiña como destino Anveres.

Parte do botín foi recuperado despois nun vehículo, pero aínda segue sen localizar o resto, por valor duns 40 millóns de euros. O roubo foi un dos maiores na historia de Holanda, recordou este sábado a televisión pública

Comentarios