Detido en Vigo un condutor que deu positivo en drogas e tiña o carné suspendido

Circulaba en sentido contrario pola avenida do Aeroporto e intentou darse á fuga ao ver o vehículo policial

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 33 anos, con iniciais J.P.G., ao que interceptaron cando conducía baixo os efectos das drogas e co permiso de condución suspendido, e que intentou darse á fuga ao ver o vehículo policial.

Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron ás 18.10 horas deste luns na avenida do Aeroporto, onde os axentes observaron como un vehículo Alfa Romeo que ía en sentido contrario realizaba unha manobra brusca de aceleración ao decatarse da presenza da Policía.

Os axentes procederon a seguilo e activaron os sinais acústicos e luminosos ata darlle alcance. Así, comprobaron que o condutor presentaba signos de consumir sustancias estupefacientes, polo que lle realizaron a proba, na que deu positivo en cocaína.

Ademais, verificaron que ao home constáballe por parte do Xulgado do Penal número un de Pontevedra unha suspensión temporal do permiso de conducir vixente ata o mes de xullo, polo que procederon a deterlle por quebrantamento de condena.

FURTO DE CALZÓNS. Doutra banda, a Policía Local tamén instruíu dilixencias por un delito leve de furto contra un veciño de Vigo de 34 anos, que responde as siglas L.L.J.C.A., quen fora retido sobre as 12.30 horas deste luns polos traballadores dunha tenda de roupa de Príncipe portando uns alicates de corte.

No lugar, a encargada do comercio informoulles de que, momentos antes, o individuo meteuse no probador cunhas sudaderas pero observaran que se baixaba os pantalóns, o que levantou as súas sospeitas.

Os axentes realizáronlle un cacheo ao home, e localizaron no seu peto uns alicates dos usados para desconectar alarmas e unha bolsa de embalaxe de pezas, que despois se ratificou que contiña calzóns. Así, constatouse que o home tiña baixo o pantalón catro calzóns, dos que tres faltaban na bolsa, polo que se lle instruíron dilixencias.

Comentarios