Dez feridos, un deles graves, nun choque múltiple rexistrado en Mesía

Oficinas del 112 en Santiago
photo_camera Oficinas do 112 en Santiago.

Un total de 10 persoas resultaron feridas, unha delas de gravidade, por mor dunha colisión na que se viron implicados un turismo, unha furgoneta e un camión cando circulaban pola N-634, ao paso por Mesía.

Para a atención dos feridos, mobilizáronse varias ambulancias e incluso o helicóptero medicalizado con base en Santiago para o traslado urxente dun dos feridos que presentaba lesións importantes.

O sinistro rexistrouse pouco antes das sete da tarde deste martes, tal e como indicaron as persoas que contactaron co 112 Galicia para dar conta dunha colisión múltiple na parroquia mesiense de Cumbraos con varios feridos.

En total, 10 persoas resultaron feridas de diversa consideración, polo que foron trasladadas a diferentes centros hospitalarios da capital galega e da cidade da Coruña. Ademais, ningún dos afectados precisou a axuda dos efectivos de rescate, xa que todos estaban liberados e accesibles. Con todo, desde o 112 Galicia, solicitouse a colaboración dos Bombeiros de Ordes e dos membros do GES de Curtis.

Tamén foron alertados os axentes da Garda Civil de Tráfico, posto que o accidente afectou á circulación, que se viu interrompida no carril en sentido Santiago e que obrigou a habilitar unha vía alternativa.