O Concello de Vigo ofrece un asesor xurídico ao pai cos fillos en Xapón

O Concello de Vigo porá un asesor xurídico a disposición de Jacobo Rodríguez, un pai que leva máis dun ano sen ter noticias dos seus dous fillos menores, actualmente en Xapón, e que a semana pasada se encadeou á fachada da casa consistorial para reclamar axuda das administracións.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSOE), avanzou a medida en rolda de prensa, na que denunciou a "inxusta" situación deste veciño, "separado dos seus fillos en contra dunha sentenza xudicial firme".

Jacobo Rodríguez mantivo unha relación de dez anos cunha muller de orixe nipón que, tras a separación, fuxiu ao seu país de orixe cos dous fillos en común da parella días antes de celebrarse o xuízo pola custodia dos menores que finalmente obtivo o pai.

O pasado 29 de maio, encadeouse ante o consistorio da cidade, cando denunciou que a Embaixada de España en Tokio non atende as súas peticións a pesar de asinar o país asiático o Convenio multilateral sobre os Aspectos Civís de Subtracción Internacional de Menores creado pola Conferencia da Haia.

Caballero explicou que actualmente os servizos xurídicos están a encargarse de estudar o caso para decidir "que liña imos seguir", unha información que fará pública unha vez se analicen os documentos "nuns días".

Esta mañá, o pai, que continúa encadeado na Praza do Rei, celebrou o anuncio logo de pedir tres veces falar co alcalde.

Comentarios