Falece un operario das obras do Ave ao envorcar o camión que conducía en Laza

O sinistro rexistrouse nun túnel próximo á estación de tren de Prado-Cercedelo

Obras del Ave en Zamora. AEP
photo_camera Obras da Ave en Zamora. AEP

Un operario de sesenta anos, residente en Verín, faleceu este mércores tras sufrir un accidente co camión volquete nunha zona próxima ás obras para o Ave da estación Prado-Cercedelo, no municipio ourensán de Laza. 

Segundo informaron fontes de urxencias, o sinistro produciuse sobre as 10.55 horas no túnel do vertedoiro de Prado, na estrada que une Laza e Vilar de Barrio, cando o camión se precipitou por un desnivel mentres estaba a descargar material procedente das obras do Ave nun vertedoiro. 

En concreto, os investigadores apuntan a que o camión envorcou –tras afundirse o terreo– durante as manobras de descarga nun vertedoiro das obras de construción do Ave.

Ata o lugar desprazáronse membros da Garda Civil e Protección Civil para esclarecer as causas do accidente así como persoal de urxencias que "unicamente" puido certificar a morte da vítima.

As primeiras hipóteses apuntan a un accidente laboral cando "estaba a descargar material procedente das obras do Ave" e o camión "foise para atrás, precipitándose por un desnivel".

A vítima é I.B.G, de sesenta anos, nacido en Terroso, Vilardevós, e con domicilio en Ourense, segundo datos facilitados pola Garda Civil.