Falece un veciño de Outes ao encaixar o seu coche contra unha árbore

O home saíuse da vía co seu turismo cando circulaba pola estrada que conecta o Pino de Val e Serra de Outes

Un veciño do concello coruñés de Outes de 59 anos faleceu este sábado ao saírse da vía co seu turismo e encaixarse contra unha árbore cando circulaba pola estrada que conecta O Pino de Val, en Mazaricos, coa localidade da Serra de Outes, cara a onde se dirixía.

Segundo informaron fontes de Protección Civil, o suceso produciuse pouco antes das 21.00 horas nunha recta á altura do lugar da Cepa, polo que os primeiros indicios apuntan a que o sinistro puido deberse a un exceso de velocidade. A vítima, Manuel Ferreiro Antelo, un veciño do lugar de San Lourenzo, de 59 anos, perdeu o control do coche, que envorcou e terminou chocando cunha árbore.

Tras recibir unha chamada de alerta, Emerxencias mobilizou a efectivos de Tráfico, Protección Civil de Outes, ao 061 e aos bombeiros do parque comarcal de Ribeira e o GES de Muros. Por desgraza, os efectivos sanitarios só puideron certificar a morte do condutor, que perdeu a vida no acto.

Comentarios