Falece un veciño de Allariz ao caer ao río Arnoia

A vítima é un home de 57 anos que, segundo a primeira hipótese que se baralla, recollía auga para regar cando se precipitou

Membros de Protección Civil de Allariz (Ourense) rescataron a última hora da tarde do domingo o cadáver dun home de mediana idade que apareceu flotando no río Arnoia.

Segundo informou o 112 Galicia, ás 20.10 horas do domingo un veciño decatouse da presenza dun corpo flotando no Río Arnoia e chamou ao servizo de urxencias, que, á súa vez, avisou aos servizos sanitarios de urxencia, á Garda Civil e a voluntarios de Protección Civil da localidade.

Os efectivos de urxencias, coa axuda dun socorrista, recuperaron o cadáver e colaboraron no seu traslado, segundo sinalaron as mesmas fontes. En relación a este suceso, fontes da investigación explicaron a Europa Press que o falecido é un home de 57 anos veciño de Allariz, A.G., que, segundo a primeira hipótese que se baralla á espera dos resultados da autopsia, recollía auga para regar cando se precipitou ao río.

Por iso, apuntaron a posibilidade de que sufrise un desmaio e se caese por accidente ao río cando procedía á recollida de auga para labores de regadío.

Comentarios