Achan flotando no río Miño o cadáver do músico desaparecido o sábado

O corpo foi atopado polas forzas de seguridade ás catro e media da tarde deste venres

O cadáver do músico desaparecido o pasado sábado tras actuar nas festas de Castelo da Pela, en Portugal, foi localizado este venres flotando no río Miño, cerca do pantalán náutico de Tui, segundo confirmou este venres a Efe Marcos Besada, alcalde de Salceda, onde residía o falecido.

Unha persoa que estaba a pescar alertou ás autoridades ao descubrir un cadáver que flotaba sobre o río cara ás 16.45 horas e a xefatura da Comandancia Naval enviou unha embarcación para recoller o corpo sen vida. Varios equipos que nos últimos días participaban nas tarefas de procura acudiron ao lugar do achado do cadáver.

Besada sinalou que a localización do cadáver de David Fernández, de 38 anos de idade, "é unha boa noticia, dentro da fatalidade", tendo en conta de que case transcorrera unha semana desde a última vez que se tivo noticias del.

Besada agradeceu o "intenso" labor de procura ininterrompida destes días, na que participou incluso unha unidade de drons da Axencia de Urxencias de Galicia.

A desaparición do músico tivo lugar nunha zona fronteiriza entre España e Portugal polo que o domingo as autoridades de ambos os países activaron un plan de rescate cun protocolo especial que posibilita unha coordinación internacional dos servizos de urxencias.

Comentarios