Morre o porteiro do Malpica cando conducía un autobús na Coruña

O bus circulaba baleiro no momento do accidente

O porteiro do Malpica, Jesús Alejandro Pombo, morreu este luns ao sufrir un infarto cando conducía un autobús da súa empresa, Autocares J. Pombo, polo polígono da Grela, na Coruña. Minutos antes do oito da mañá, o autobús, que nese momento non transportaba viaxeiros e acababa de abandonar a nave da empresa, saíuse da vía cando circulaba pola glorieta de Eduardo Diz, que vertebra a zona empresarial da cidade.

Pombo, como se lle coñecía na liga da Costa, onde defendía a portaría do Malpica, foi trasladado en estado grave ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), que confirmou o seu falecemento. A Policía Local explicou a Efe que o porteiro do Malpica sufriu un infarto xusto antes da saída de vía, que é a posible causa do accidente. O seu amigo, compañeiro de equipo e directivo do Malpica Marcos Amado lamentou, en declaracións a Efe, a morte de Pombo, que tiña 33 anos e este domingo contribuíu á vitoria do seu equipo ante o Sofán (2-0).

Amado explicou que tiña "moita relación" co gardameta, co que mesmo chegou a falar minutos despois das sete da mañá porque sempre quedaban para tomar un café na localidade coruñesa de Arteixo. "Díxenlle que non podía porque estivera toda a ponte fóra, de viaxe", dixo emocionado e consternado o amigo da vítima, que se decatou da noticia por unha mensaxe de teléfono e confirmou o triste desenlace co irmán do falecido.

Jesús Pombo encargábase da base que ten a empresa familiar de autobuses na Coruña, onde residía, mentres que o seu irmán dirixe a da localidade de Ponteceso, indicou o seu amigo a Efe. "É das persoas que valen a pena, con cincuenta mil amigos, moi querido na zona pola empresa e pola súa traxectoria no fútbol, polo que ten amizades en todas as esquinas. Sempre tiña un sorriso na cara", comentou Marcos Amado, quen apuntou que o falecido estaba casado e tiña un fillo de seis anos.

O Malpica expresou a súa consternación pola morte do porteiro e xa falou coa Federación Galega para tentar suspender o partido do próximo fin de semana.

Comentarios