Un home resulta ferido en Dodro tras quedar atrapado debaixo dun tractor

Condicionada a circulación na A-52 á altura de Monterrei por mor dun choque entre dous camións

Un home resultou ferido a pasada tarde ao quedar atrapado debaixo dun tractor en Dodro.

Os feitos sucederon no lugar da Devesa, preto das 19:00 horas e, segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o varón accidentado foi liberado por uns veciños. Posteriormente, foi trasladado a un centro de saúde.

Unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do accidente e, acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro, ao GES de Padrón e á Garda Civil.

MONTERREI. Un carril da A-52 á altura de Monterrei permanece cortado á circulación debido a unha colisión entre dous camións na que un condutor dun dos vehículos implicados resultou ferido de carácter leve. Concretamente, trátase do punto quilométrico 169, en sentido ao Porriño.

Segundo puido saber o 112 Galicia, os servizos de emerxencia desprazados realizaron tarefas de limpeza na autovía por mor dunha fuga nun dos depósitos de combustible dun dos camións accidentados que resultou danado no choque.

Foi un camioneiro implicado no sinistro quen, ao fío das 5:40 horas, alertaba do choque ao 112 Galicia. Indicaba no seu relato que detivera a marcha debido a unha avaría e outro camión batera contra o seu vehículo uns instantes despois.

Con estes datos, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Garda Civil de Tráfico, do servizo de mantemento da autovía, dos Bombeiros de Verín e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.