Impacta co seu vehículo contra unha manda de xabarís na A-52 en Ribadavia

Os cinco animais cos que chocou foron retirados da vía polo equipo de mantemento

Un condutor tivo que ser trasladado a un centro hospitalario tras chocar de madrugada o seu turismo contra unha manda de xabarís na A-52, á altura do termo municipal ourensán de Ribadavia. Os feitos, segundo informa o 112, ocorreron no punto quilométrico 252 da autovía, sentido Ourense, un cuarto de hora logo da medianoite.

Foi a propia persoa implicada no accidente a que deu a voz de alarma e, enseguida, o persoal do centro de atención ás urxencias puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, do GES de Ribadavia e dos Bombeiros do Carballiño.

Xa no lugar do accidente, os efectivos do GES de Ribadavia informaron ao 112 Galicia de que o vehículo chocara con cinco xabarís, que foron retirados da vía polo equipo de mantemento.