A colisión entre dous turismos na Estrada deixa dúas persoas feridas

O particular que chamou para pedir axuda alertou de que se produciu un choque "moi forte" e de que un dos ocupantes parecía atrapado, aínda que finalmente non tivo que ser excarcerado
Accidente en A Estrada
photo_camera Accidente en A Estrada

O impactante choque entre dous turismos saldouse este martes pola mañá con dúas persoas feridas que tiveron que ser trasladadas ao hospital Clínico de Santiago. A colisión produciuse no concello pontevedrés da Estrada, na rotonda que une a rúa Antón Losada Diéguez coa PO-841, unha das principais entradas ao centro urbano para os vehículos que chegan desde Compostela.

Foi un particular o que deu a voz de alarma e chamou para pedir axuda. Segundo indicou o servizo de atención ás urxencias 112 Galicia, relatou que se produciu un choque "moi forte" no centro urbano da localidade e un dos ocupantes podía estar atrapado no interior dun dos vehículos. Por iso, pasouse aviso aos bombeiros do Deza e aos efectivos do GES e de Protección Civil, aínda que finalmente non foron necesarios os medios de excarceración.

No suceso víronse implicados un Ranault Megane —que se saíu da vía e acabou nunha leira— conducido por J.R.O., de 64 anos e veciño de Santeles, e un Peugeot 306 que pilotaba I.C.D., de 28 anos e natural da Estrada. A pesar do aparatoso do accidente, ambos puideron saír dos coches polo seu propio pé e foron evacuados polo persoal sanitario ao queixarse de dor en diferentes partes do corpo polo golpe sufrido. O prognóstico era de feridos leves.

Comentarios