''Chamámolo e non contactamos: Chame ao 902...'' Se recibe esta SMS, é un engano

"Chamámolo 2 veces pero non logramos contactalo. Queremos falar con vostede sobre a súa solicitude. Por favor chámenos canto antes ao 902944.... É moi importante". Este é o texto dun SMS que se está enviando aos teléfonos móbiles e que, segundo a Policía, é unha fraude.

Trátase, segundo informa a Dirección Xeral deste corpo, dunha nova fraude telefónica que consiste no envío masivo de mensaxes SMS nas que se informa da necesidade de contactar co seu destinatario con motivo dunha solicitude supostamente realizada por este.

Grazas ás informacións facilitadas por numerosos cidadáns, os ciberaxentes advirten da difusión destas mensaxes nas que se insta á vítima a chamar ao número 902944 ... para informalo duns trámites importantes.

Calquera persoa que chame a este número de teléfono escoita a mesma locución na que se lle solicita o nome ou número telefónico e se lle indica a necesidade de chamar a outro número para resolver a incidencia.

Neste caso, debe marcar un teléfono de tarificación adicional, cuxo custo é moito máis elevado, e que comeza cos díxitos 806544...

Ao chamar a este último número, a vítima da fraude é atendida por unha persoa que a mantén ao teléfono finxindo pasala con outros departamentos.

Durante a súa espera, en ningún momento se lle facilita dato algún referente á solicitude que supostamente realizou, nin que organismo ou empresa se atopa xestionándoa, nin a data en que se realizou. E todo iso debido a que a suposta solicitude nunca existiu.

Tras unha conversación telefónica de máis de 7 minutos a un número de tarificación adicional, a vítima non ten máis opción que colgar sen que lle facilitaran información algunha e sen que se lle proporcionaran ningún servizo, co consecuente custo xerado na súa próxima factura telefónica.

Recentemente, co hashtag #nopiques, a Policía Nacional informou das fraudes, enganos e bulos máis frecuentes que circulan por Internet e cos que se intenta enganar a miles de persoas en España.

Comentarios