Morre tras unha saída de vía en Sobrado

O outro ocupante do vehículo puido apearse polos seus propios medios
El vehículo accidentado en Sobrado. TVG
photo_camera Helicóptero do 061. TWITTER

Unha persoa perdeu a vida na tarde deste sábado ao sufrir unha saída de vía cando circulaba co seu vehículo pola EP-8005, á altura do punto quilométrico 5, ao seu paso polo municipio coruñés de Sobrado.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos Bombeiros de Arzúa, dúas persoas viaxaban no turismo cando o sinistro tivo lugar, pero, soamente a falecida tivo que ser excarcerada. 

Foron os profesionais sanitarios os que chamaron ao 112 Galicia ás 17:45 horas para informar da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para atender a unha persoa atrapada tras saírse da vía o seu turismo no lugar de Brixaria, na parroquia de Grixalba.

De feito, a aeronave tomou terra no lugar dos feitos, pero, a pesar dos esforzos do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, nada se puido facer por salvarlle a vida.

Así, para prestar apoio aos equipos de intervención e restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o Centro Integrado de Atención ás Urxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento dos axentes da Garda Civil de Tráfico.