Nove persoas detidas en Murcia por explotar laboralmente a inmigrantes

A Policía Nacional informa de que "a súa falta de escrúpulos levábaos a fumigar no interior dos invernadoiros en plena xornada laboral, incluso mentres había traballando mulleres en estado de xestación"

A Policía Nacional detivo nove persoas nas localidades murcianas de Lorca e Mazarrón que sometían a inmigrantes en situación de necesidade a condicións laborais "abusivas e próximas á escravitude". 

Nun comunicado, este corpo informa de que "a súa falta de escrúpulos levábaos a fumigar no interior dos invernadoiros en plena xornada laboral, incluso mentres había traballando mulleres en estado de xestación", provocando que lles caese encima o produto fitosanitario empregado.

O pasado maio, os axentes souberon das irregularidades cometidas por unha empresa de traballo temporal (ETT) que contrataba a estranxeiros en situación irregular en España e facilitábanlles a identidade doutros con permiso de traballo para explotalos laboralmente. 

Non tiñan contrato, cobraban un salario por baixo do mínimo establecido, éranlles descontados os gastos de desprazamento e prohibíaselles calquera tipo de comunicación durante a xornada laboral, cun descanso de menos de 15 minutos que debían recuperar prolongando a xornada laboral. 

Cinco dos detidos, de entre 24 e 50 anos, eran os responsables da ETT e os outros catro, da explotación agrícola. Impútanselles delitos contra os dereitos dos traballadores, de favorecemento da inmigración ilegal, contra a saúde pública e de pertenza a grupo criminal.

Comentarios