A prisión os pais que maltrataron a un bebé dun mes en Tarragona

Ao pai xa se lle retirara anteriormente a custodia doutro fillo

O xulgado de Instrución 2 de Tarragona en funcións de garda acordou este sábado prisión provisional comunicada e sen fianza para os pais detidos o xoves por presuntos malos tratos ao seu bebé dun mes. 

Tras a declaración de pai e nai, a causa está aberta por presuntos delitos de lesións e malos tratos habituais, informou nun comunicado o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC). 

O maxistrado inhibirase da causa a favor os xulgados de Valls (Tarragona), competentes polo lugar dos feitos, e os pais teñen suspendida a tutela do menor.

BEBÉ INGRESADO. A policía catalá arrestou a tarde do xoves aos pais do bebé, que está ingresado na unidade de coidados intensivos (UCI) do Hospital Joan XXIII de Tarragona, e son un home e unha muller veciños de Montblanc (Tarragona) de 21 e 22 anos, respectivamente. 

A Dirección Xeral de Atención á Infancia e a Adolescencia (Dgaia) da Generalitat asumiu a tutela do bebé.  A Conselleria de Traballo, Asuntos Sociais e Familias da Generalitat abriu esta semana un expediente de desamparo ao bebé e iniciaron os trámites como acusación particular na causa xudicial en defensa dos dereitos do neno. 

E a Conselleria informou este venres de que o pai xa maltratara presuntamente a outro fillo, do que se lle retirou anteriormente a tutela.