Queda en liberdade o home detido por unha suposta violación en Monterroso

O xulgado de Chantada prohíbelle achegarse á moza de 19 anos que asegura que o agresor, ao que coñeceu horas antes, consumou a violación facendo uso de ameazas

O xulgado de Chantada (Lugo) deixou en liberdade ao home detido como autor dunha suposta violación que se produciu no municipio lucense de Monterroso na madrugada do pasado domingo, aínda que como investigado dentro dunha causa pola presunta comisión dun delito de agresión sexual.

O Tribunal Superior Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou que o xulgado tamén decretou unha "orde de afastamento" que lle impedirá achegarse á denunciante e "a prohibición de comunicarse con ela". As investigacións continuarán dado que as versións que manexa neste momento o xulgado sobre os feitos son "contraditorias".

Segundo o relato da propia vítima, unha moza de 19 anos, ela ía andando camiño da súa casa, cando o suposto agresor, que ía en coche, achegouse a ela e díxolle que se quería a achegaba ata o seu domicilio.

A moza coñecera ao suposto agresor esa mesma mañá e, aínda que nun primeiro momento declinou a oferta, finalmente acabou subindo ao coche. Dentro do vehículo, sempre segundo o testemuño da vítima, o home consumaría a violación facendo uso de ameazas.

Despois de que a vítima presentase denuncia, os axentes encargados do caso lograron identificar ao presunto violador a través das gravacións das cámaras de seguridade dos locais nos que estivera e das redes sociais.

A detención produciuse o domingo pola tarde e o investigado, que é natural do municipio lucense de Taboada, pasou a noite nos calabozos da Comandancia da Garda Civil de Lugo.

Comentarios