Salvamento Marítimo recupera dous cadáveres preto de Caión e Fisterra

Investigan se se trata do corpo dun pescador desaparecido recentemente en Malpica. O segundo é o dun percebeiro de 55 anos que caeu á auga esta mesma mañá

Dous cadáveres foron recuperados este xoves no litoral da Costa da Morte, o primeiro a tres millas de Caión e o segundo nunha praia preto de Fisterra, informan a Efe fontes municipais, de Salvamento Marítimo e de Urxencias 112.


Sobre as nove e media da mañá, unha embarcación de nome Concepción Madre avisou a Salvamento Marítimo do avistamento dun corpo flotando a tres millas ao norte de Caión.

Salvamento mobilizou desde o centro de coordinación na Coruña á Salvamar Mirfak, que recuperou o corpo, xa en descomposición, e trasladouno ao peirao de Oza, onde foi posto a disposición da Garda Civil para a confirmación da súa identidade.

Tamén se recuperou esta mañá preto de Fisterra, en Punta Arnela, o corpo sen vida de J.M.B.L., un percebeiro de 55 anos desta localidade coruñesa que se caeu ao mar nesa zona, explicou a Efe o alcalde de Fisterra, José Marcote. 

Salvamento mobilizara ao helicóptero Helimer, á embarcación auxiliar do buque Don Inda e á Salvamar Altair pero, despois de que a Policía local avisase ao 112 de que se recuperou un cadáver na zona, cancelouse a mobilización de medios.

Comentarios