Un home foi auxiliado este luns após caerse por un cantil cando percorría parte da Ruta dos Faros ao seu paso polo termo municipal coruñés de Ponteceso.
Segundo informou o 112 Galicia, "a rápida intervención dos servizos de emerxencias e doutros senderistas" que estaban na zona "impediu que o home continuase descendendo polo desnivel".
Todo comezou pouco antes das 11.00 horas cando varias persoas chamaron ao 112 Galicia para solicitar o rescate dun home que caera por un cantil preto da Praia da Barda.
Por iso, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia activou un operativo formado por un equipo médicos e efectivos da Policía Local e do GES da localidade.
Tamén foron informados os Bombeiros de Carballo, pero a axuda doutros senderistas, axentes da Policía Local e profesionais sanitarios fixo innecesaria a súa intervención ao porse a salvo o afectado.
Con todo, o home foi evacuado nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 até un centro de saúde para ser atendido dalgúns golpes.