Rouban obxectos antigos por valor de máis de 120.000 euros nunha parroquia de Foz

Vaixelas de Limoges ou porcelanas chinesas, entre o que levaron no asalto a Villa Adela
Villa Adela, en Vilaronte
photo_camera Villa Adela, en Vilaronte

A coñecida vivenda indiana da parroquia focense de Vilaronte denominada Villa Adela foi obxecto dun roubo durante o cal os ladróns levaron obxectos cuxos propietarios estiman que teñen un valor comprendido entre os 120.000 e os 150.000 euros.

Unha das propietarias da casa, María Lydia Conde, cre que se tratou dun golpe perfectamente planificado e ata sospeita que a seguiron para cerciorarse de que non ía haber ninguén na casa, xa que ela e a súa tía residen habitualmente en Ribadeo.

Como consecuencia do asalto á casa a familia perdeu obxectos dun gran valor, practicamente todos antigüidades, algúns deles exóticas, ás que hai que sumar obxectos persoais ou cartas que non atesouran tanto valor económico, pero si sentimental.

Foron moitos os obxectos que lles subtraeron, pero entre eles atopábase, por exemplo, un xogo de porcelana azul chinesa ou un de café de Limoges da letra A, que marca o seu máximo de calidade. Tamén lles subtraeron moitos obxectos de vaixelas de prata que tiñan gardadas.

Aínda así, María Lydia Conde cre que en realidade non eran persoas moi coñecedoras da arte antiga porque comenta que se deixaron cousas importantes e incluso sospeita que "algunhas ata podería ser con intención de volver para roubalas".

Presentou denuncia deste feito ante os axentes da Garda Civil e a Policía Xudicial xa iniciou a investigación do sucedido e buscaron pegadas, aínda que haberá que esperar para ver se as pescudas dan resultado. Villa Adela é practicamente a casa máis señorial de todo Vilaronte. Trátase dunha vivenda indiana construída polo avó da denunciante que emigrara a Cuba, onde se converteu nun empresario de éxito.

HISTORIA. A partir de aí, a familia foi gardando numerosos obxectos de arte de distinta procedencia que se atopaban na casa. A afectada conta que a avisaron o domingo cando viron que o enreixado estaba aberto. "Eu xa me dei conta de que non podía ser, así que fun coa Garda Civil", asegurou. Dentro causaron "moitos estrozos" e lamenta que incluso se levaron tamén moita da roupa que tiña gardada nos armarios.

Engade que nin sequera pode facer unha valoración completa do que lle roubaron "porque por exemplo levaron algunhas caixas pechadas nas que non sei exactamente que tiñamos gardado".

Comentarios