Tres mortos nun accidente de tráfico en Castellón

No sinistro só se viu implicado un vehículo. Unha persoa máis resultou ferida

Tres persoas morreron e unha máis resultou ferida a consecuencia do accidente de tráfico ocorrido esta tarde no termo municipal de Canet Lo Roig, un pequeno pobo do interior da provincia de Castellón .


Segundo informa o Consorcio Provincial de Bombeiros, o sinistro, no que se viu implicado un único turismo, ocorreu sobre as dúas da tarde na estrada que vai de La Jana a Canet Lo Roig.

Bombeiros do Baix Maestrat traballaron na excarceración das vítimas, unha das cales foi trasladada con feridas a un centro sanitario por unha ambulancia do SAMU.

Segundo fontes coñecedoras do accidente, o sinistro produciuse nunha liña recta na estrada que une La Jana con Canet Lo Roig ao saírse da vía o vehículo, caer na cuneta e chocar cun pequeno muro de formigón que dá acceso a unha leira rústica, segundo precisaron os bombeiros.

Ao parecer, os catro ocupantes do vehículo regresaban dun enterro no municipio de Xert e eran veciños de Canet Lo Roig, excepto un deles que reside en Xert, segundo estas fontes.

Os bombeiros tiveron que excarcerar a todos os ocupantes do vehículo, tanto á persoa ferida, unha muller de 53 anos, como aos falecidos, dúas mulleres e un home de avanzada idade, todos eles da mesma familia.

O accidente mortal produciuse no quilómetro 2,5 da estrada CV-113 e ao lugar acudiu unha dotación de bombeiros do Consorcio de Castellón e mobilizouse unha unidade de mando.

Comentarios