Unha veciña de Foz sofre queimaduras tras unha explosión de butano no seu domicilio

Unha muller resultou ferida en Foz, na Mariña lucense, tras unha explosión de gas butano nunha cociña, que tivo lugar ao redor das 11,40 horas deste luns.

Segundo informa o CAE 112 Galicia, a muller sufriu queimaduras como consecuencia desta explosión nunha vivenda unifamiliar situada no lugar da Espiñeira, en Foz.

Segundo testemuñas presenciais, de acordo con informacións da axencia Europa Press no seu portal web, a deflagración produciuse cando se intentou acender a cociña. Pola súa banda, a explosión non deixou danos estruturais do edificio e só deixou desfeitas nunha fiestra.

Debido a que os servizos de urxencias percibiron un forte cheiro a gas, o 112 Galicia avisou a persoal técnico da compañía subministradora de gas butano para facer unha revisión da instalación e a bombona.

Ata o lugar desprazáronse Bombeiros de Barreiros, GES de Cervo, Protección Civil
de Foz, Policía Local e Garda Civil, así como Urxencias Médicas.

Comentarios