Vintetrés anos de cárcere para o home que guindou ácido a tres nenos

A Fiscalía pediu 23 anos de cárcere para o home que guindou ácido a tres nenos e dúas mulleres o 27 de febreiro de 2012 nunha parada de autobús na Coruña, que cría eran os fillos do xuíz Vázquez Taín.

Por vinganza, o acusado, condenado en 2008 por dous delitos de lesións e malos tratos familiares, atopábase na parada esperando a chegada do autobús escolar co ánimo de menoscabar a integridade física dos menores.

Segundo o escrito de acusación, aproximouse correndo a un neno de 6 anos e a dúas irmás de 7 e 9 e guindou sobre eles o contido dunha botella que contiña ácido clorhídrico moi corrosivo.

O neno sufriu queimaduras faciais e no ollo dereito que tardaron en curar 160 días, mentres que as nenas tiveron queimaduras faciais de primeiro e segundo grao.

Ademais, resultaron feridas a nai do neno e tía das nenas, que sufriu queimaduras químicas faciais e edemas, e unha persoa que esperaba un autobús urbano, que tivo hiperemia e edemas no brazo esquerdo.

A Fiscalía estima que os feitos relatados son constitutivos de cinco delitos de lesións polos que pide un total de 23 anos de cárcere e ademais recorda o agravante de reincidencia.

Igualmente, solicita unha indemnización de 18.762 euros, dos que 11.165 serán para o neno polos días de curación e as secuelas, e 4.415,63 para o Servizo Galego de Saúde polos gastos médico-asistenciais das vítimas.

O xuízo celebrarase o venres 15 no Xulgado do Penal número 2 da Coruña.

Comentarios