viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

Dez lugares que non debes perderte en Pontevedra

De norte a sur, a provincia ofrece os destinos máis variados ateigados de historia, natureza e riqueza paisaxística

Galicia está repleta de recunchos agochados que de seguro farán as delicias daqueles que desexen explorar a comunidade dende a seguridade necesaria en tempos de pandemia. Pontevedra constitúe unha das paraxes coas rutas máis especiais, adecuadas tanto para os viaxeiros máis aventureiros coma para aqueles que busquen gozar da máis fonda tranquilidade. Dende o interior ata a costa, descubrimos 10 dos destinos máis fermosos e alternativos da provincia.

1. A fervenza do Toxa

FERVENZA

Unha espectacular exhibición de auga, luz e son agarda aos visitantes no concello de Silleda. A fervenza do río Toxa, situada na parroquia de Pazos, é considerada a máis alta de Galicia en caída libre. Incluída no proxecto europeo Red Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria, o espazo, de alto valor paisaxístico, forma parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza.

A súa diversidade botánica foi aproveitada polos monxes do colindante mosteiro de Carboeiro pola súas abundantes propiedades, que xunto ao bosque atlántico que aperta a fervenza alberga a unha gran diversidade de especies de tipo mediterráneo. A natureza alíase para conformar a contorna do río Toxa coma unha paraxe de características únicas e unha das máis impoñentes imaxes da nosa comunidade.

Como chegar:
Accédese dende o pobo de A Bandeira, situado na estrada N-525 que une Ourense con Santiago. Dende esta poboación chégase á parroquia de Pazos pola estrada 204 que vai a Merza e Vila de Cruces. Unha vez alí, seguindo as sinais atópanse os miradores, habilitados para deixar os vehículos e chegar andando ao pé da fervenza. Dirección completa dispoñible aquí.

2. Praia de Lagos

playa de lagos

Na cara sur de Udra, no municipio de Bueu, as rochas coas máis imaxinativas formas dan refuxio a unha rica fauna mariña na praia de Lagos. Trátase dun areal en forma de tómbolo ubicado nun entorno rural e rodeado de pequenos illotes. De area dourada e fina, ségueno a praia de Lagoelas e o mirador de Lagos, dende o cal se poden desfrutar dunhas marabillosas panorámicas á ría ou contemplar o impoñente solpor mentres a forza do mar o converte nun espectáculo único.

Como chegar:
Dende Pontevedra accédese pola PO-551 ata Bueu e alí tómase a PO-315 a Cangas pola costa. Tras pasar o núcleo de Beluso atópase un indicador que leva á praia de Lagos, preto da Area de Bon. Dende Vigo recoméndase tomar o corredor do Morrazo V.G. 4.6 e continuar pola P0315 cara Bueu. Dirección completa dispoñible aquí.

 

3. Illa de Areoso

areoso

A illa de Areoso, na Illa de Arousa, é un tesouro natural situado en medio das tranquilas aguas da ría de Arousa, onde o contacto coa auga salgada e o son da natureza farán desconectar aos visitantes do ruido cotiá. A idílica paraxe posúe case 9 hectáreas e caracterízase pola súa fina area, que lle outorga a apariencia dunha duna xurdida do fondo do mar.

Máis aló da súas impresionantes vistas, a illa de Areoso é ademais unha gran potencia a nivel arqueolóxico. Excavacións realizadas na súa contorna sacaron á luz un dos xacementos máis importantes de Galicia: un total de cinco monumentos megalíticos e cinco estructuras de caixas realizadas con pedra que revelan indicios de ocupación durante a Idade de Bronce e o Neolítico.

Como chegar:
Para chegar a este espazo protexido existen varias alternativas. Dúas das máis atractivas son as diversas rutas en kayak, que permiten coñecer ademais os diferentes puntos de interese na redonda da Illa de Arousa, como o Parque Natural de O Carreirón, ou o acceso mediante lancha motora que ofrecen moitas das empresas especializadas que operan na provincia de Pontevedra. Dirección completa dispoñible aquí.

4. Parque Natural de Carreirón

O CARREIRÓN

O Parque Natural de Carreirón é unha península unida á Illa de Arousa polo tómbolo das Salinas. Atópase nun estado de completa pureza, repleto de sendeiros que o percorren. A súa costa recortada forma diferentes calas, praias de area fina e puntas onde se poden ver diferentes formas erosionadas pola forza da natureza.

Unha das máis espectaculares é a Punta Carreirón, un lugar privilexiado para a vida das aves, catalogado como Zona Internacional de Especial Protección. Marismas ou sistemas dunares, pasando por matogueiras ou pola impresionante paisaxe submariña son algúns dos diversos ecosistemas que albergan as inmediacións do complexo.

Como chegar:
Para chegar en coche precisas ir dende a Illa de Arousa e tomar a estrada PO-307, que enlaza directamente coa EP-9802. Tras recorrer esta última aproximadamente 2,5 quilómetros chegarás á Praia de Lavanqueira. Ao cruzar cara a esquerda atópase a Punta Carreirón, onde se debe deixar o vehículo para continuar o percorrido a pé. Dirección completa dispoñible aquí.
 

5. O Buraco do Inferno

buraco do inferno

Na zona sur da Illa de Ons xace unha perigosa fenda que descende verticalmente ata o mar denominada como O Buraco do Inferno. Tan só con escoitar o nome ou contemplar as súas pronunciadas formas podemos imaxinar as tebrosas lendas que circularon durante séculos arredor do misterio que acolle a localización. E é que mariñeiros e habitantes da illa afirmaron o temor que lles producía o efecto sonoro orixinado na cavidade, asociado aos "berros das almas atrapadas polo diaño". A inmensa beleza do lugar non é quen de eclipsar o halo enigmático que o rodea, conformando un destino ideal para os visitantes máis valerosos.

Como chegar:
Para aproximarse ao Buraco do Inferno débese percorrer a ruta sur da Illa de Ons. Tras superar as praias dos Cans e Pereiro, agarda unha ascensión ata a zona máis elevada da illa, onde se atopa un muro que protexe da caída ao Buraco e dende o cal se contemplan unhas vistas ao mar de vértigo. Dirección completa dispoñible aquí.

 

6. Parque da Natureza do Río Barosa

muiños barosa

Polo parque, situado no municipio de Barro e dotado dunha excepcional topografía, discurre o río Barosa en forma dunha fervenza con máis de trinta metros de desnivel. Xunto a esta foron construidos dezasete muiños que foman un singular complexo hidráulico composto polos Muiños de Abaixo e os Muiños de Arriba.

O entorno conta coa posibilidade de tomar diferentes rutas que se estenden ata a ponte da Búa ou a ponte de San Breixo, a partir da cal se pode abandonar o sendeiro principal para visitar a igrexa do mesmo nome, que conta cunha excelente panorámica do val.

Como chegar:
O acceso estáblecese pola N-550 entre Pontevedra e Caldas de Reis. Á altura do municipio de Barro atópase a placa que sinaliza a entrada ao Parque da Natureza do Río Barosa.
Dirección completa dispoñible aquí.

 

7. Mirador de Monteferro

monteferro

Dende o mirador de Monteferro, na parroquia nigranesa de Panxón, contémplanse as mellores vistas sobre Vigo, Baiona e Nigrán. Trátase dunha lingua que se adentra no mar cunha altura de 500 metros rodeada dun espeso pinar que agocha diversas sendas para disfrutar da contorna. Na súa cima pódese disfrutar da panorámica da bocana da Ría de Baiona, así como das Illas Estelas e das Illas Cíes.

Ademais, na súa zona máis elevada eríxese o monumento adicado aos mártires do mar e a imaxe da Virxe do Carmen, patrona dos mariñeiros. O norte do monte foi un enclave estratéxico militar que a día de hoxe aínda alberga vestixios da guerra coma algúns cañóns de artillería pesada.

Como chegar:
Dende Panxón, o acceso ao mirador de Monteferro está sinalizado en numerosas indicacións. A estrada de acceso principal é denominada Rúa de Monteferro. Dirección completa dispoñible aquí.

8. Pazo de Oca

pazo de oca

O Pazo de Oca, no municipio de A Estrada, é un dos máis representativos de Galicia. Datado na segunda década do século XVIII, é produto e reinterpretación da tradición paisaxística francesa, polo que é coñecido como o Versalles galego.

Dentro do seu conxunto deben distinguirse tres elementos: a igrexa-capela con dous torres unidas ao pazo por unha ampla balconada de estilo barroco, o palacio do mesmo estilo, e os xardíns formados por un cúmulo de setos e pontes onde destacan dous grandes estanques cunha isleta de pedra en forma de barca. Ademais, o Pazo de Oca forma parte da Ruta da Camelia grazas as flores que inundan de cor e descaro as súas inmediacións.

Como chegar:
Para acceder hai que seguir a N-525 ata o desvío que indica "Oca, A Estrada". Un quilómetro máis aló atópase o impoñente pazo. Dirección completa dispoñible aquí.

9. Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

campo lameiro

A tan só 20 quilómetros da cidade de Pontevedra, en Campo Lameiro, atópase un dos conxuntos de petroglifos máis importantes de Europa. Os xacementos poden contemplarse a través dun sendeiro sinalizado de aproximadamente catro quilómetros de lonxitude que recorre as losas máis significativas. Entre o cento de rochas con grabados rupestres que descansan nas máis de 21 hectáreas do parque destacan tres: a Laxe da Forneiriña, a Laxe dos Carballos e o Outeiro dos Cogolludos I, con numerosos labirintos na súa superficie.

A experiencia enriquécese coa visita á recreación dun poboado da Idade de Bronce, pasando polo museo anexo, que expón os artiluxios máis curiosos da sociedade da época. Ademais, o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro ofrece a posibilidade de realizar a excursión prehistórica en horario nocturno.

Como chegar:
Dende Pontevedra accédese ao parque pola estrada comarcal PO-223. Dirección completa dispoñible aquí.

 

10. Faro de Cabo Home

cabo home

Cabo Home é a parte máis occidental da Península do Morrazo. Trátase do punto terrestre máis próximo ás Illas Cíes, que semellan poder acadarse coa man. Ademais permite disfrutar dunhas vistas inigulables aos perigosos cantís limítrofes.

O faro de Cabo Home, construido en 1853, fai da paraxe un lugar inconfundible. Moi preto, Punta Robaleira conta con outra torre de cor vermella, que forma un conxunto de tres edificacións co de Punta Subrido.

Como chegar:
Para acceder ao lugar no que comeza a ruta de Cabo Home débese tomar a estrada forestal da Costa da Vela, no municipio de Donón. Tras superar unha pista de terra atópase un párking gratuito onde deixar o vehículo. Dirección completa dispoñible aquí.

FOTOS: TURISMO RÍAS BAIXAS / TURISMO DE GALICIA / TURISMO A ESTRADA / AILLADEAROUSA.COM / VIVE O MORRAZO

Dez lugares que non debes perderte en Pontevedra
comentarios