Absolta a traballadora do Sergas acusada de acceder ao historial da súa filla sen permiso

É a segunda sentenza absolutoria neste caso, no que o TSXG ordenou repetir o xuízo
Sede de la sección sexta de la Audiencia Provincial de Pontevedra, ubicada en la viguesa calle Lalín. GSV
photo_camera Audiencia Provincial de Pontevedra en Vigo. GSV

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, absolveu unha traballadora do Servizo Galego de Saúde acusada de acceder en decenas de ocasións á historia clínica da súa filla sen o seu permiso, ao entender que non se acreditou que non contase con autorización da súa filla para facelo. 

A acusada, María Josefa O.A., foi xulgada por estes feitos por segunda vez en decembro de 2020, xa que houbo unha primeira sentenza absolutoria, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a resolución e ordenou a repetición da vista. O motivo é que considerou, entre outras cuestións, que se produciu un "erro na valoración da proba" e que a Audiencia non tivo en conta que "a propia presunción de inocencia da acusada en absoluto obriga a dar por sentada a veracidade das súas afirmacións". 

Na nova sentenza, o tribunal considera probado que a acusada, na súa condición de persoal do Sergas, entre 2012 e 2014 realizou 68 accesos á historia clínica da súa filla "a fin de tomar coñecemento de datos relacionados co seu estado de saúde", aínda que apunta que isto o fixo "sen que se acreditase que realizou tales accesos sen contar coa autorización" dela

A Audiencia entende que non se acreditou que a muller non tivese autorización da súa filla para acceder á historia clínica

Nesta liña, sostén que "a valoración da proba" permite considerar acreditado que "efectivamente a acusada (...) accedeu con fins persoais á historia clínica da súa filla en reiteradas ocasións desde xuño de 2012 a abril de 2014". No entanto, sinala que non se contou con outra proba máis que as declaracións de cada unha das partes", polo que "a sala, na valoración conxunta da proba practicada, non pode chegar ao convencemento máis aló de toda dúbida de que os accesos se fixesen sen autorización". 

Neste sentido, recoñece que había un "estreito vínculo entre as partes" que foi "cambiante ao longo do tempo", o que "leva a considerar hipótese razoable a existencia dun consentimento non escrito". Ademais, engade que a testifical da denunciante "non se viu corroborada polo documental", co que se crea "unha dúbida suficiente".

Por todas estas cuestións, aplica o principio in dubio pro reo e absolve a María Josefa O. A. do delito continuado de descubrimento de segredos relativos á saúde da vítima cometido por funcionario público, coa agravante de parentesco, como reclamaban a Fiscalía e a acusación particular. 

En concreto, o ministerio público pedía para María Josefa O. A. unha pena de 4 anos de prisión, 9 de inhabilitación e 7.200 euros de multa. Pola súa banda, a acusación particular solicitaba unha condena de 4 anos de cárcere e 12 de inhabilitación, así como unha multa de 8.640 euros e unha indemnización para a filla de 15.000 euros polos mesmos delitos.