O acusado de prostituír a unha moza en Vigo e Santiago non ingresará en prisión 

Pactou coa Fiscalía non entrar no cárcere mentres non quebrante a orde de afastamento da vítima nin cometa un delito grave ► Controlaba, xunto a outras dúas persoas, os pases que realizaba a moza e esixíanlle que lles entregase a totalidade do diñeiro que obtiña

Sede compostelana de la Audiencia Provincial de A Coruña. GOOGLE MAPS
photo_camera Sede compostelá da Audiencia Provincial da Coruña. GOOGLE MAPS

O home acusado de obrigar a prostituír e de reter ilegalmente a unha moza, en pisos de Vigo e Santiago de Compostela, alcanzou un acordo co Ministerio Público polo que acepta unha pena de dous anos cárcere e unha multa de 2.400 euros. Deste xeito, non ingresará en prisión se non quebranta a orde de afastamento coa vítima nin comete un delito grave. 

Finalmente, a Fiscalía retirou a acusación de retención ilegal logo da vista celebrada o pasado ano contra outras dúas persoas procesadas por estes feitos, que aceptaron tamén unha condena de dous anos de prisión por un delito de prostitución logo de que o Ministerio Público retirase o de retención ilegal ao concluír que a vítima tiña liberdade para comunicarse e abandonar a vivenda de forma puntual. 

Na vista celebrada este mércores na Audiencia Provincial da Coruña na súa sección sexta en Santiago, o acusado, R.M.P., que se enfrontaba a peticións de catro e seis anos de cárcere polos citados delitos, recoñeceu que obrigou prostituírse a unha moza ourensá. 

Así, este home acepta unha pena de dúas de cárcere e o pago dunha indemnización de 2.400 euros á vítima, á que non poderá achegarse a menos de 200 metros nin comunicarse con ela por un período de cinco anos. Deste xeito, R.M.P. non ingresará en prisión a non ser que quebrante a orde de afastamento ou cometa un delito grave nos próximos tempos.

FEITOS. Os feitos remóntanse ao ano 2012, cando a vítima (maior de idade) abandonou o seu fogar en Ourense por desavinzas coa súa familia. Os tres condenados convenceron á moza para que quedase no seu piso, primeiro en Santiago e logo en Vigo, onde desde agosto dese mesmo ano exercía a prostitución co compromiso de repartir os ingresos entre os catro. 

Non a deixaban saír do domicilio sen a compañía dalgún deles e só permitíanlle realizar chamadas na súa presenza

Con todo, segundo o escrito de Fiscalía, a pesar do que lle propuxeron inicialmente, os tres condenados esixíanlle que lles entregase a totalidade do diñeiro que obtiña e controlaban "os pases que realizaba". Ademais, non a deixaban saír do domicilio sen a compañía dalgún deles e só permitíanlle realizar chamadas na súa presenza. 

A moza manifestoulles a súa intención de abandonar o domicilio e deixar de exercer a prostitución, pero os acusados responderon con actitude "claramente atemorizante", chegando a exhibir ante ela "unha pistola". As ameazas "eran tomadas en serio pola prexudicada", que coñecía "o carácter violento dos acusados", ao presenciar nalgunha ocasión "a violencia coa que actuaban"

Así consta que a finais de 2012, cando se decataron de que a moza se puxo en contacto co seu exnovio, os acusados, no Bar H. de Ourense, agredírono e ameazárono cun "pau". Despois, contáronlle á moza os feitos, para que "depuxese calquera intención que tivese de abandonar o domicilio ou contactar con terceiras persoas". 

A situación mantívose no tempo ata que a vítima, o 13 de febreiro de 2013, puido acudir ao funeral do seu pai e quedar no seu domicilio en Ourense, onde relatou á súa nai o sucedido.