ADIF comeza a traballar na eliminación do paso a nivel de O Porriño

A rexedora porriñesa mostrouse "moi satisfeita" despois da reunión e expresou a súa seguridade de que "a eliminación do paso do tren en superficie está máis cerca que nunca"

Paso a nivel en O Porriño. ADP
photo_camera Paso a nivel no Porriño. ADP

A alcaldesa do Porriño, Eva García da Torre, mantivo este venres unha reunión en Madrid coa presidenta de ADIF, Isabel Pardo da Beira, para retomar o proxecto de eliminación do paso a nivel que atravesa o centro desta localidade pontevedresa.

A alcaldesa trasladoulle a Pardo da Beira a postura de toda a Corporación porriñesa que considera inaceptable e inviable a construción dun paso soterrado ou elevado para peóns. Ambas as dirixentes xa se puxeron a traballar no proxecto que elimine o paso do tren en superficie polo centro da cidade.

Un problema que ten O Porriño desde 1948 tal e como recorda nun comunicado o Concello.

O seguinte paso será manter unha reunión de traballo co secretario de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento para fixar que os orzamentos do próximo ano contemplen este proxecto. 

García de la Torre, que se mostrou "moi satisfeita" logo da reunión, manterá un encontro cos distintos grupos municipais para trasladarlles o tratado coa presidenta de Adif. Ademais, expresou a súa seguridade de que "a eliminación do paso a nivel está máis cerca que nunca". 

Os veciños do Porriño levan 70 anos demandando a eliminación dese paso a nivel, en pleno centro da localidade, por onde o tren pasa a gran velocidade, e por onde tamén cruzan peóns. As demandas intensificáronse a raíz do descarrilamento dun tren a poucos metros dese paso, en setembro de 2016, que ocasionou a morte a catro persoas e feridas a medio centenar. 

Comentarios