Arrestado por pegarlle cun pau a un militar da Brilat despregado en Vigo

Negouse a gardar a distancia de seguridade, agrediu ao militar e despois emprendeu a fuxida 
Militares de la Brilat en Vigo. SALVADOR SAS
photo_camera Militares da Brilat en Vigo. SALVADOR SAS

Un home foi detido este martes en Vigo por agredir cun pau de grandes dimensións a un militar da Brilat despregado na cidade olívica pola crise do coronavirus.

O militar atopábase na Praza América cando o agresor, de 54 anos, con antecedentes e sen domicilio coñecido, se lle achegou. O membro da Brilat instouno a gardar a distancia de seguridade para evitar contagios e o home reacción de modo violento. Outros dous militares achegáronse para "intentar acougalo", segundo explica a Policía Nacional,  e foi cando o individuo lle deu "un forte empuxón" ao primeiro militar e tratou de golpear ao segundo co pau. Despois emprendeu a fuxida cara a un centro comercial próximo.

Dúas patrullas da Policía Nacional foron mobilizadas, localizaron ao agresor e procederon á súa detención. O home, con 33 antecedentes, pasou a disposición do xulgado de garda de Vigo.