Caballero insiste en que a candidatura Cíes-Illas Atlánticas "vai caer" por culpa da Xunta

O rexedor vigués di que non reúne os requisitos necesarios que esixe a Unesco

Abel Caballero. MARISCAL (EFE)
photo_camera Abel Caballero. MARISCAL (EFE)

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reiterou que a proposta da Xunta Cíes-Illas Atlánticas, para que o conxunto do parque nacional das Illas Atlánticas sexa considerado Patrimonio da Humanidade, "vai caer" porque non todas as illas "reúnen as condicións" esixidas pola Unesco. 

Así o trasladou na rolda de prensa que ofreceu na mañá deste luns de forma simultánea a unha visita do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, ás Illas Cíes, a colación do que Caballero apuntou que a Xunta promociona a candidatura cunha visita a este arquipélago "porque si será Patrimonio da Humanidade". 

O mandatario olívico matizou que a formulación da Xunta "non me parecería mal, se non fóra por que algúns arquipélagos non reúnen as condicións". "As que teñen calidade e reúnen os requisitos son as Cíes", mantivo. 

Caballero: "Cando a Unesco vexa que a illa non reúne as condicións, vaise a caer a candidatura enteira; é máis, non vai chegar nin a ser candidatura"

 

Neste senso, insistiu en que a Administración autonómica sabe que non todas as illas reúnen os criterios pero presentou a súa proposta "porque quixo parar" a candidatura municipal, que limita a petición unicamente ás Cíes. "É a peor forma de facer política: Obstaculizar, impedir, parar...", remarcou. 

Na mesma liña, augurou que cando a Unesco vexa "que tal illa non reúne as condicións, vaise a caer a candidatura enteira; é máis, non vai chegar nin a ser candidatura", ao que engadiu que "non se pode facer unha candidatura en contra". "Iso é Feijóo en estado puro", concluíu. 

A candidatura da Xunta foi incluída o pasado mes de outubro na lista indicativa polo Consejo de Patrimonio Histórico Español e en marzo foi rexistrada na lista da Unesco, na que terá que permanecer un ano antes de seguir co procedemento. Pola súa banda, o Concello segue adiante coa súa propia candidatura, que se circunscribe só a Cíes.

Comentarios