Choca con cinco coches aparcados en Balaídos e faise pasar polo copiloto

Tamén en Vigo foi arrestado un home que levaba postos a roupa e os complementos que acababa de roubar

Axentes da Policía Local de Vigo tramitaron denuncia contra un condutor, un cidadán portugués que circulaba pola zona de Balaídos, e que, tras chocar contra varios vehículos estacionados, quixo eludir a súa responsabilidade facéndose pasar por copiloto. 

Segundo explicaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar á primeira hora da mañá do luns, cando unha dotación do 092 acudiu á zona de Balaídos, alertada porque se produciu un accidente. 

Ao chegar, os axentes observaron que un condutor se saíu do carril de circulación e impactara contra os coches aparcados, causando danos en 5 deses vehículos. 

No interior do coche causante do choque atopábase un home que presentaba signos de embriaguez pero, ao ser requirido para realizar o test de alcoholemia, este negouse de forma rotunda, alegando que el non era o condutor do vehículo. 

Segundo o seu testemuño, o condutor e responsable do accidente era outra persoa, que fuxira á carreira deixándoo alí só. 

Tras moito insistir, os axentes conseguiron que o home lles dese os datos do suposto condutor. Así, facendo as oportunas xestións coa Comisaría conxunta de Tui/Portugal, púxose contactar telefonicamente con esa persoa. 

No entanto, o interlocutor explicou que se atopaba en Portugal, a bastantes quilómetros de onde se produciu o accidente. Xa que logo, era materialmente imposible que estivese Balaídos no momento do sinistro. 

Por outra banda, a Policía Local tamén puido contactar coa testemuña que alertara ao 092 e este relatou como vira saír do coche ao condutor que provocara o choque. A descrición do mesmo coincidía plenamente co home identificado polos axentes, e que aseguraba que era o copiloto do vehículo. 

Detido cando levaba postas as pezas que roubara ese día
Por outra banda, un home de 33 anos residente no Porriño foi detido en Vigo logo de ser localizado cando levaba postas distintas pezas de roupa que, supostamente, subtraera dunha vivenda ese mesmo día pola mañá. 

Segundo recolleu a Policía Nacional nun comunicado, os feitos tiveron lugar este luns ao redor das 20,30 horas, cando un particular alertou de que observara como un home que camiñaba pola avenida de Castrelos portaba roupa e complementos que supostamente lle roubaron esa mesma mañá. 

Tras desprazarse á zona, os axentes entrevistáronse coa vítima, que explicou que denunciara un roubo na súa vivenda durante o que se lle subtraeron un bolso de pel, máis de 100 euros en efectivo, un equipo de audio, un altofalante exterior, zapatillas deportivas, unha chaqueta, unha mochila, unha tableta e varios reloxos. 

Comentarios