O comité de Povisa alerta dun "escenario bastante malo" nas negociacións co Sergas

O próximo 28 de decembro finalizan os tres meses do prazo do preconcurso de acredores

Entrada del Hospital Povisa. DP
photo_camera Entrada do Hospital Povisa. DP

O comité de empresa do Hospital Povisa de Vigo alerta dun "escenario bastante malo" nas negociacións entre a empresa e o Sergas para evitar o concurso de acredores. "Non hai practicamente avances , a cousa vaise a alargar", isto é o que a dirección do centro privado transmitiulle ao comité na súa última reunión. 

O comité de Povisa concentrouse este xoves ante a sede do Partido Popular en Vigo con motivo, segundo explicaron, do seu voto "en contra" da petición de que "se auditaran as contas e se blindasen os postos de traballo dos traballadores de Povisa" que realizou o BNG no Parlamento galego. "Non lle importa o que poida pasar cos traballadores nin cos usuarios", defendeu a presidenta do comité de Povisa, María Xesús Neira, que lle reclamou ao PP que "garanta" os seus "postos de traballo" e as súas "condicións laborais" e a "atención dos usuarios" 

A presidenta do comité mostrou a súa preocupación polos "postos de traballo" e "o pago das nóminas" se a empresa chega ao concurso

Neira, aclarou que na última concentración trasladara que a empresa e o Sergas chegaran a un acordo sobre a "farmacia ambulatoria" e a "farmacia de alto impacto", pero que a dirección de Povisa aclaroulle que o acordo só abarca a "farmacia ambulatoria". Neste sentido, asegurou que Povisa transmitiulles que "as cousas están moi tensas" respecto da medicación de alto impacto, un punto "crave" nas negociacións entre o Sergas e o hospital privado pois se trata de tratamentos que apareceron despois de que se asinase en concerto actual e, debido ao seu elevado custo, Povisa reclamaba que non se incluíse dentro do prezo per cápita que recibe por paciente. 

María Xesús Neira recordou que o próximo 28 de decembro finalizan os tres meses do prazo do preconcurso de acredores no que se atopa Povisa e iniciaríanse os trámites para un concurso, polo que "a situación cambiaría moito". A presidenta do comité mostrou a súa preocupación polos "postos de traballo" e "o pago das nóminas" se a empresa chega a esta situación. 

O comité anunciou que o vindeiro martes, día 27, concentraranse desde as 10.00 horas ante o edificio central do Sergas en Santiago. Neira apuntou que volveron a pedir reunións coa Consellería de Sanidade e co propio Sergas "para non ter só unha parte da información" sobre as negociacións, pero que "a día de hoxe" non obtiveron resposta de ningún dos dous organismos. 

Comentarios