O comité de Povisa: "Non queremos un hospital que xestione unha multinacional americana"

O persoal "non se fía" da mensaxe de tranquilidade enviada polos seus novos donos
Entrada del Hospital Povisa. DP
photo_camera Entrada do Hospital Povisa. DP

Os traballadores de Povisa foron informados este xoves da venda do hospital a Ribeira Saúde (cuxo accionista maioritario é o grupo estadounidense Centene) e, a pesar de que os novos propietarios quixeron transmitirlles unha mensaxe de tranquilidade, o persoal "non se fía": "Non queremos un hospital xestionado por unha multinacional americana, sabendo como funciona alí a sanidade".

Así o trasladou, en declaracións a Europa Press, a portavoz do comité, Chus Neira (CIG), quen criticou o "desprezo" dos ata agora donos do hospital vigués (o maior centro sanitario privado de Galicia), o grupo Nosa Terra XXI, porque "non deron nin a cara, comunican a operación por correo electrónico, nunha política de feitos consumados e non dan máis información".

Chus Neira subliñou que, a pesar de que "din que van respectar os empregos", non teñen garantías suficientes sobre o futuro deste hospital. Así mesmo, acusou ao Sergas de permitir "esta venda" pouco tempo logo de acceder a modificar certas condicións do concerto con Povisa (cando os anteriores donos do hospital presentaron solicitude de preconcurso de acredores, hai un ano). "O Sergas mete máis diñeiro no hospital e agora véndese", constatou a representante do comité.

Así as cousas, Neira volveu insistir en que a CIG reclama que a administración "rescate" Povisa para a sanidade pública. "Se non pode ser de forma inmediata, que se prepare ese rescate de aquí a 2022 (data na que finaliza o actual concerto do Sergas co hospital) e, mentres, que se garantan os postos de traballo", engadiu.

En virtude dese concerto, Povisa ten asignadas 134.000 cartillas de pacientes da sanidade pública de Vigo, Val Miñor e O Morrazo. O centro conta con 573 camas e uns 1.500 traballadores.

Comentarios