O comité de Povisa urxe unha reunión este luns á dirección do hospital: "Queremos unha explicación"

Chus Neira pregúntase "que vai pasar" ou "cales van ser as condicións" dos traballadores se se materializa a venda a Ribera Salud
Entrada del Hospital Povisa. DP
photo_camera Entrada do Hospital Povisa. DP

O comité de empresa de Povisa reclamou unha reunión urxente este luns á dirección do hospital despois de que este fin de semana transcendese que o Grupo Nosa Terra 21, propietario do complexo, estaría a piques de pechar un acordo de venda con Ribera Salud.  

"Queremos unha explicación", sinalou a portavoz do comité de empresa, Chus Neira (CIG), quen ademais critica que os traballadores se acabasen de decatar "polos medios de comunicación" desta noticia da que, con todo, tiñan as "sospeitas" de que podía ocorrer.  

A pesar de que as diferentes organizacións sindicais xa falaron e trasladaron a Povisa a solicitude de reunión, "de momento" non recibiron unha resposta.  

"Parécenos incrible que o comité non estea informado de nada", afeou Neira, quen tamén achacou o "segredo" das negociacións a que "non quererían problemas de ningún tipo".

"MÁS ENTIDADES PRIVADAS" EN SANIDADE. Neste contexto, a portavoz do comité de empresa manifestou as súas dúbidas con que "vai pasar logo desa" venda ou "cales van ser as condicións" do persoal. Entre estes asuntos que lle preocupan" sitúa tamén o seu temor a que "cada vez entren máis entidades privadas a facerse cargo da sanidade". 

Así mesmo, relatou que "hai dez días" os sindicatos mantiveron unha reunión co conselleiro delegado de Povisa na que lle preguntaron "se tiña pensado vender o hospital". 

"Quedou serio, despois dixo que non contestaba rumorologías e terminou dicindo un non que nos deixou bastante preocupados", resumiu Neira. 

Este domingo, logo de transcender que a venda a Ribera Salud –propiedade da empresa norteamericana de seguros Centene Corporation– podería estar case pechada, fontes de Povisa consultadas por Europa Press admitiron que levan a cabo estes diálogos "do mesmo xeito" que con outras entidades interesadas, polo que aínda "non hai acordo".

Comentarios