Condenado a cinco anos de cárcere un profesor de taekwondo de Vigo por abusar dunha alumna

Fíxolle tocamentos nunhas clases coa escusa de mellorar "a súa expresividade" e interrogouna sobre a súa vida sexual 
El entrenador de taekwondo, en el juicio. EFE
photo_camera O adestrador de taekwondo acusado de abusar dunha alumna. EFE

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a cinco anos de prisión a José C., profesor de taekwondo nun club da cidade olívica, por un delito continuado de abusos sexuais a unha das súas alumnas, de 15 anos de idade. Segundo a sentenza, o tribunal considerou probado que, en novembro de 2018, o acusado convocou á alumna a unhas "clases especiais" que terían lugar no seu domicilio, co pretexto de que debía mellorar a súa "expresividade", para progresar na disciplina de taekwondo acrobático. 

Nesas clases, o profesor realizou tocamentos á nena nos peitos e na zona xenital, pediulle que se sacase o sujetador e fíxolle preguntas de índole sexual, sobre as súas relacións con mozos ou sobre se se masturbaba. Todo iso a pesar de que a menor lle dixo que sentía incómoda e nerviosa. 

Os maxistrados outorgaron credibilidade ao testemuño da vítima, e rexeitaron que actuase con ánimo de prexudicar ao acusado ou por animadversión. De feito, sinalan que a relación da nena e a súa familia con José C. era boa, e que a propia vítima mantivo a súa versión dos feitos. 

Do mesmo xeito, rexeitaron o argumento esgrimido pola defensa, de que a moza actuou inducida por algúns dos seus compañeiros, que tiñan mala relación co adestrador e querían vingarse del.  A sentenza tamén reflexa que os informes periciais consideran veraz o relato da vítima, e que non é estraño que a menor quixese manter unha aparencia de normalidade na súa vida tras os abusos. Así mesmo, o tribunal sostén que as preguntas de índole sexual que o acusado fixo á nena "non tiñan ningunha xustificación".

CONDENA. No seu fallo, a Audiencia condena a cinco anos de cárcere ao acusado, por un delito continuado de abusos sexuais con prevalimiento sobre menor de 16 anos, e imponlle a prohibición de achegarse ou comunicarse coa moza durante oito anos. Do mesmo xeito, imponlle unha inhabilitación para exercer profesión ou actividade na que teña contacto con menores durante oito anos, e establece que deberá indemnizar á vítima en 6.000 euros. 

O tribunal rexeitou a atenuante de dilacións indebidas, e tamén a de reparación do dano porque, segundo apuntou, o acusado depositou 10.000 euros en concepto de fianza, pero non para pagar a eventual responsabilidade civil.