Condenan ao Concello de Vigo a indemnizar en 22.700 euros a unha veciña que se lesionou ao escorregar nunha lousa rota

A caída provocou que a vítima tivese que someterse a rehabilitación de longa duración
Calle de Urzaiz. GOOGLE MAPS
photo_camera Rúa de Urzaiz. GOOGLE MAPS

O xulgado do contencioso administrativo número 2 de Vigo condenou ao Concello da cidade a indemnizar en algo máis de 22.700 euros a unha veciña que, en maio de 2016, sufriu unha caída tras escorregar ao pisar unha lousa rota na céntrica rúa Urzáiz

Inicialmente, a sala fixara a indemnización na metade, aínda que posteriormente rectificou a sentenza a petición da demandante e emitiu un auto aclaratorio no que recoñece que a compensación ten que ser de 22.711 euros, dos que a metade xa foron abonados. 

O proceso remóntase ao ano 2019, cando esta viguesa acudiu á vía administrativa para reclamar a responsabilidade patrimonial correspondente tras o accidente, que lle causou lesións e provocou que tivese que ser sometida a rehabilitación de longa duración. Aínda que inicialmente a administración local tratou de ampararse na prescrición dos feitos, acabou aceptando a reclamación e fixando a indemnización en 22.700 euros. 

O xuíz sinala na súa resolución que non hai "precepto legal que obrigue a camiñar con especial prudencia" por unha zona destinada a peóns

Ao tratarse dunha contía maior de 15.000 euros o Concello tivo que solicitar un informe do Consello Consultivo, no que se determinou que a responsabilidade do sucedido correspondía, a partes iguais, tanto ao Consistorio, polo estado da beirarrúa, como á propia viandante, por non prestar atención ás condicións do chan. Precisamente, con arranxo a ese informe, o Concello reduciu á metade a indemnización, o que fixo que a prexudicada optase por acudir á vía xudicial, segundo explicou a avogada Ana Quiroga

Na súa sentenza do 20 de xullo de 2021 (e no auto aclaratorio posterior), o xulgado do Contencioso Administrativo establece que a demandante debe ser indemnizada neses 22.700 euros porque, aínda que o informe do Consello Consultivo é preceptivo, "non é vinculante". 

O xuíz sinala na súa resolución que non hai "precepto legal que obrigue a camiñar con especial prudencia, con especial atención, empregando calzado cómodo e procurando manter en todo momento o equilibrio" por unha zona destinada aos peóns, e que tampouco hai probas para atribuír responsabilidade á prexudicada. 

Así mesmo, tamén responde os argumentos do Concello sobre a entidade do dano da lousa, e recorda que os defectos existentes nos lugares de paso son máis perigosos canto menos ostentosos ou perceptibles resulten. 

Comentarios