Un condutor ebrio provoca un accidente na A-55 cando ía en sentido contrario

Dúas persoas resultaron feridas leves. O sinistro ocorreu á altura de Mos

A-55. GOOGLE MAPS.
photo_camera A zona da A-55 na que se produciu no accidente. GOOGLE MAPS

Galicia rexistrou este venres un novo incidente por un condutor kamikaze. Dúas persoas resultaron feridas leves nun accidente de tráfico de madrugada na A-55, á altura do municipio pontevedrés de Mos, provocado por un condutor que circulaba en sentido contrario e chocou frontalmente con outro vehículo. Deu positivo por alcol.

Segundo informou o 112 Galicia, dez minutos antes das 04.00 horas chocaron frontalmente dous turismos antes da saída de Porteliña.

Tras recibir a chamada de alerta dun particular, o 112 Galicia pasou aviso ao 061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Baixo Miño e aos efectivos de Protección Civil. 

Así mesmo, os xestores de urxencias informaron os feitos aos Bombeiros de Vigo. Unha vez no lugar, os Bombeiros de Baixo Miño indicaron que non foi necesario o uso do material de excarceración e confirmaron o traslado de dous feridos a un centro hospitalario. 

A intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foi requirida polo 112 Galicia, que se encargou da limpeza vía. 

FERIDOS EN TRIVES. Por outra banda, dúas persoas resultaron feridas logo de precipitarse por un barranco o vehículo no que viaxaban este venres ao seu paso polo termo municipal da Pobra de Trives (Ourense). 

O sinistro tivo lugar sobre as 8.00 horas na estrada que une as localidades de Castro Caldelas e Trives, á altura de Pena Folenche.

Foi un particular quen chamou ao 112 Galicia para pedir axuda e indicou que un coche acababa de caer por un barranco e que non vira saír aos ocupantes do seu interior. Finalmente foron rescatados.