As depuradoras son a principal vía de acceso de microplásticos á ría de Vigo

A maior concentración destes residuos atópase nas inmediacións da praia de Samil
Ría de Vigo. CARLO FERNÁNDEZ
photo_camera Ría de Vigo. CARLO FERNÁNDEZ

As centrais de tratamento de augas residuais (Edar) son a principal fonte de microplásticos nas zonas costeiras debido ao lavado de pezas cun alto contido en fibras plásticas, como PET ou nailon, segundo un estudo realizado por investigadores das universidades de Vigo e Aveiro e do Centro Oceanográfico de Vigo.

Segundo explica a revista da UVigo é unha das conclusións ás que chegou este estudo sobre o transporte e acumulación de microplásticos, o cal, a través dun modelo de simulación de partículas, comprobou tamén que a súa distribución depende en gran medida do estado da marea no momento en que saen das depuradoras.

O estudo é obra de Maite de Castro, Marisela Deas, José Luis Gómez Gesteira e Moncho Gómez Gesteira, do grupo Ephyslab (CIM-Universidade de Vigo); Magda Sousa, Américo Ribeiro e Joao Dias, da Universidade (Portugal); e Jesús Gago, do Centro Oceanográfico de Vigo, e xa foi publicado pola revista Marine Pollution Bulletin.

Os autores da investigación simularon con partículas virtuais as traxectorias dos microplásticos a través das sete depuradoras existentes na ría de Vigo.

Para iso desenvolveron un modelo que foi calibrado previamente con datos de campo relativos á concentración de microplásticos en mexillóns de roca en diferentes zonas da ría, o que, aseguran, outorga ao traballo un considerable grao de confianza nos resultados obtidos.

E estes resultados sinalan que no caso da ría de Vigo a maior concentración de microplástiocos modelizada observouse na costa sur, nas proximidades da cidade de Vigo, concretamente preto da praia de Samil.

No que respecta ás mareas, o traballo sinala que cando son vivas ao redor dun 20 por cento dos microplásticos emitidos no interior da ría chegan a océano aberto, ao redor de un 24 por cento quedan nas proximidades das Illas Cíes e o resto se reparte polo conxunto da ría.

En caso de mareas mortas, a cantidade de microplásticos que chega ao océano, aseguran, é "insignificante".

Sinalan tamén os investigadores detectar que "o estado da marea no instante de emisión de microplásticos é fundamental para coñecer o seu posterior transporte e determinar as zonas de acumulación", e que o coñecemento da relación entre o estado das mareas e a dispersión de microplásticos pode levar a mellorar as estratexias de emisión co fin de minimizar o seu impacto no interior da ría.

Para rematar, non ocultan a súa convicción de que "deben mellorarse os sistemas de tratamento de augas residuais para evitar a emisión ao medio ambiente de microplásticos". 

Comentarios