Desinfectan un buque oceanográfico atracado en Vigo tras un positivo en Covid-19

Descoñécese onde puido infectarse a persoa, a cal pertence a unha empresa de servizos contratada polo Mapa e que é allea á tripulación

O buque oceanográfico Vizconde de Eza, atracado no peirao de Beiramar do Porto de Vigo desde o pasado 29 de agosto, foi desinfectado este luns despois de que se detectase un positivo en Covid-19 a bordo, confirmaron a Efe fontes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa), ao que pertence a embarcación.

Descoñécese onde puido infectarse a persoa que deu positivo, a cal pertence a unha empresa de servizos contratada polo Mapa e que é allea á tripulación.

Tras a confirmación do contaxio, avisouse á tripulación e fixéronse as correspondentes probas PCR, que saíron todas negativas.

No entanto, para cumprir co protocolo anticovid do Servizo Galego de Saúde (Sergas), todos os membros da tripulación están a cumprir unha corentena de 14 días e serán sometidos a outra proba antes de reincorporarse ao buque.

Mentres permaneza en porto e ata que se inicie unha nova campaña, haberá unha dotación de vixilancia do buque, cuxos membros pasaron tamén as probas PCR.

O Vizconde de Eza atracou en Vigo tras finalizar unha campaña de cartografiado na fachada atlántica da costa galega. 

Comentarios